BREAKING NEWS
latest

Á venda as entradas para o 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu

As entradas e abonos para as proxeccións do 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se celebrará no Centro Social do Mar do 10 ao 19 de setembro, xa están á venda na web www.ficbueu.com. As sesións competitivas e os filmes de apertura e peche terán un custo de 3 euros, aínda que para as cinco xornadas da Sección Internacional poderá adquirirse un abono por 12 euros. A asistencia ao programa radiofónico Carne Cruda, que se realizará ao vivo o sábado 11 ás 18 horas, terá un prezo de 5 euros.

A Sección Internacional desenvolverase do luns 13 ao venres 17 con dous pases a elixir, ás 20 e ás 22 horas, e cun faladoiro entre ambas as dúas que terá lugar no Punto de Encontro. Para as seccións Galicia R e España, que se poderán ver o sábado 18, só hai entradas soltas. Da primeira organizaranse dúas sesións, ás 17 e ás 19 horas, mentres que a segunda comezará ás 21 horas. En senllos casos o público poderá participar no coloquio posterior coas e cos cineastas.

Na fin de semana anterior, o sábado 11 e o domingo 12, proxectaranse ás 20 horas os dous bloques da Sección Experimental, con programas diferentes. O mesmo acontecerá ás 22 horas coa Sección Panorama, onde a entrada será a doazón dalgún produto non perecedoiro destinado ao Banco de Alimentos. Outra das novidades deste ano é o filme de apertura, para o cal o recoñecido crítico cinematográfico Javier Tolentino se achegará a Bueu o venres 10 ás 22 horas a fin de presentar a súa primeira longametraxe, Un blues para Teherán. Así mesmo, o domingo 19 ás 21:30 horas proxectarase como filme de peche Sole, ópera prima do italiano Carlo Sironi, membro do xurado do FICBUEU 2021, que aborda o polémico tema da maternidade subrogada.

O resto das proxeccións, entre as que se atopan as seccións Retrospectiva e Carta branca, centradas no National Film Borad of Canada, e mais as Curtas en familia, terán carácter gratuíto, aínda que vai ser preciso retirar unha invitación no despacho de billetes o mesmo día da súa celebración. O acceso será idéntico para outra ducia de actividades entre conferencias, concertos, presentacións, etc. que se ofertarán con entrada de balde. 

O despacho de billetes abrirase na semana previa á inauguración, do luns 6 ao xoves 9 de setembro, de 17 a 20 horas, mentres que nas datas do festival, do venres 10 ao domingo 19, o horario será de 16:30 a 22 horas. Ademais, nas fins de semana tamén estará operativo polas mañás, de 10 a 13 horas. Nestas franxas poderán recollerse os convites, trocar o resgardo da compra virtual polos tickets ou mercar as entradas reservadas para a venda física. O venres 17 deberán adquirirse presencialmente as entradas para a Gala de Clausura, ao prezo de 3 euros. 



« PREV
NEXT »