A provincia de Pontevedra revalídase como “a gran provincia do ciclismo” ao acoller a primeira etapa da Volta Ciclista a Galicia “O Gran Camiño”, que discorrerá o xoves 24 de febreiro con saída no Porriño e final en Vigo. 
A Volta contará con grandes equipos, con ata tres corredores da provincia e será retransmitida a todo o mundo ao través de Eurosport. Así confirmouse na sede da Deputación en Vigo na presentación oficial da etapa.

“O Gran Camiño” achega de novo a Galicia unha competición ciclista profesional na que participarán equipos de primeiro nivel. A última confirmación é a do Israel Start-Up Nation, onde corre Chris Froome (gañador de catro Tour de Francia, dúas Voltas e un Giro), e que se suma ao equipo Movistar, xa confirmado anteriormente. Ademais, dende a organización confían en poder desvelar pronto outras formacións de referencia. Entre os corredores que estarán case con seguridade na Volta a Galicia atópanse catro ciclistas galegos. Tres deles, son da provincia o que pon de manifesto o arraigo que o ciclismo ten no territorio. Trátase de Alejandro Marque (da Estrada), Samuel Blanco (Redondela) e Delio Rodríguez (Moaña), cuxa participación é altamente probable unha vez que se decida o seu futuro profesional. A Volta contará ademais co presencia de Carlos Canal, da provincia de Ourense.

O ex ciclista profesional Álvaro Pino é a persoa que se está a encargar do deseño do percorrido. Nunha intervención por vídeo adiantou que este ía a ser “atractivo tanto para os ciclistas como para ás e os afeccionados, que desfrutarán dunha gran etapa e dun gran día”. Neste senso, Ezequiel Mosquera-responsable da empresa que organiza a Volta- lembrou que “a primeira etapa é un punto de contacto coa carreira e non debemos de facela moi dura e -engadiu- ao final o importante é ter equipos con ganas de guerra”. Mosquera deu as gracias “de corazón a aposta das distintas administracións” que fan posible esta proba e fíxoo tambén coa Deputación de Pontevedra “por ser 100% permeable á proposta que se fixo precisamente polos valores fundamentais que ten a provincia neste deporte. Un deporte con arraigo histórico en Galicia, pero sobre todo aquí, no berce do ciclismo”.