Ciclo Mestre Mateo : oito meses de cinema en galego

“Queremos que o cinema e a cultura galega cheguen ao conxunto do territorio e garantir unha presenza global do audiovisual feito en Galicia, na nosa terra”. Así resumiu Carmela Silva os obxectivos da nova colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual coa posta en marcha do Ciclo Mestre Mateo. Este pioneiro circuíto levará o mellor do cinema galego a cinco concellos da provincia de Pontevedra: Ponteareas, Poio, Redondela, Cambados e Forcarei, co obxectivo de dotalos dunha programación audiovisual e cultural estable desde finais de marzo ata decembro. Así, as películas gañadoras e finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022 proxectaranse en centros culturais e espazos multiúsos destes municipios.

A presidenta da Deputación e Fernando Alfonsín, representante da directiva da Academia Galega do Audiovisual, compareceron esta mañá con alcaldes/as e concelleiros/as dos cinco municipios seleccionados para participar nesta novidosa iniciativa que, amais, se desenvolverá nas catro provincias galegas e que se presentaba hoxe nas catro deputacións galegas de forma simultánea. “Os Premios Mestre Mateo son todo un referente de calidade, pero quedábannos moi lonxe, por iso celebro que grazas a este proxecto as cintas premiadas poidan chegar ao conxunto da cidadanía galega. Trátase de democratizar o acceso á cultura en xeral e á cultura galega de forma particular”, sinalou Carmela Silva.

Pola súa banda, Fernando Alfonsín, en nome da Academia Galega do Audiovisual, agradeceu o apoio da institución provincial e a súa colaboración para “abrir os Premios Mestre Mateo ao público e darlle vida levándoos por todo o territorio galego xusto neste ano no que se cumpre o seu vixésimo aniversario. Os concellos e as deputacións son pezas fundamentais para aumentar a difusión dos Mestre Mateo e do audiovisual no territorio galego”, enxalzou.

Oito meses de cinema en galego

En cada concello proxectaranse oito películas, as catro gañadoras e outras catro finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022, A estrea será o 26 de marzo e exhibirase unha cinta por mes en cada concello, agás en xullo e agosto. Como precisou o representante da Academia, o título das cintas a proxectar non se coñece porque as candidatas aos premios fanse públicas na primeira semana de febreiro e non se entregan os galardóns ata mediados de marzo. Será entón cando se concrete o calendario e a rotación dos filmes polos cinco concellos da provincia de Pontevedra e os outros quince correspondentes ás de Lugo, Ourense e A Coruña.

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, valorou particularmente a participación do seu concello “nun proxecto que pon en valor a nosa identidade e forma de ser, un audiovisual baseado no noso”. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, celebrou a chegada dun ciclo que axuda o municipio no seu obxectivo de “volver situarse como referente cultural da provincia”, ao tempo que invitou a xente da contorna a achegarse a Redondela a gozar dos oitos filmes. O concelleiro de Cultura de Cambados, Constantino Cordal, incidiu na importancia de promocionar a provincia como plató de cinema e agradeceu o respaldo da Deputación ao audiovisual e á cultura galega, mentres que Ana Doval, concelleira de Forcarei, terra natal do precursor do cinema galego Chano Piñeiro, agarda que o ciclo “axude a dinamizar o concello”, ao tempo que celebrou que “no medio rural se poida facer cultura e gozar de diferentes manifestacións artísticas grazas ao traballo da Deputación”.

A Deputación confía en que o Ciclo Mestre Mateo permita estreitar aínda máis a permanente colaboración que a institución mantén coa Academia Galega do Audiovisual. Este traballo conxunto a prol da cultura materialízase desde hai tempo na celebración dos Premios María Luz Morales de Ensaio e Videoensaio sobre o Audiovisual, que chegan este ano á súa sexta edición. Do mesmo xeito, a Deputación e a Academia colaboran coa iniciativa dos Premios Mulleres no Foco que poñen en valor o talento feminino no audiovisual e que Carmela Silva confirmou que terán este ano unha segunda edición na cidade de Pontevedra.