Aberta a inscrición para o desafío deportivo Xacobeo Wild Race

 

Xacobeo Wild Race, a carreira de obstáculos que se cerebra no marco do festival multidisciplinar The Wild Fest, abre o período de inscrición este venres, 4 de febreiro.

 

A carreira crece en número de quilómetros e obstáculos e incorpora unha nova modalidade: Pequerace, deseñada para público infantil.

 

The Wild Race celebrarase o 3 de xullo no Parque Forestal de San Miguel de Oia.

Por terceiro ano os montes de San Miguel de Oia serán o escenario da Xacobeo Wild Race, unha OCR, é dicir, carreira de obstáculos, que se serve de elementos tanto naturais como colocados pola organización para retar aos atletas. A carreira terá lugar o día 3 de xullo e as persoas que desexen participar poderán inscribirse a partir deste venres (4 de febreiro) na plataforma CCNORTE.

A OCR Xacobeo Wild Race é un desafío deportivo na natureza na que os participantes deberán superar máis de 40 obstáculos ao longo de 10 quilómetros de percorrido para chegar á meta. Isto supón un aumento de duración e dificultade respecto a anos anteriores, nos que o percorrido foi de oito quilómetros e os obstaculos, 35. As probas están inspiradas en diferentes disciplinas deportivas de alta intensidade como o CrossTraining, PaleoTraining ou Strogman, o que significa que os participantes deberán contar cunha boa preparación física e mental para superalos.


Ademais do aumento da dificultade, a edición 2022 presenta unha segunda novidade, a celebración da primeira Pequerace, unha carreira especialmente deseñada para cativos entre 4 e 12 anos que se realizará nun circuíto de 300 metros con 10 obstáculos.


Modalidades de participación

Existen tres modalidades de parcipación na Xacobeo Wild Race, en función do nivel de esixencia e dificultade que cada corredor desexe.

 

A modalidade Wolf (lobo) é unha carreira por equipos de catro persoas (masculinos, femininos ou mixtos), polo que a cooperación, a táctica e o traballo de todos os integrantes será fundamental para chegar con éxito á meta.

 

A modalidade Raven (corvo) é unha carreira individual. Os participantes poderán

decidirse pola categoría Élite, onde non poderán recibir axuda doutros participantes para superar as probas, ou Popular, que si permite recibir axuda externa.

 

A Pequerace se celebra nun percorrido diferente e adaptado aos nenos. Os nenos ata 7 anos deberán dar dúas voltas ao circuíto, mentres que os maiores de 8 darán tres.