"Informar en Afganistán: A ameaza dos talibáns", encontro aberto co xornalista Mohammad Ali Pakdel o 14 de marzo en Santiago

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia organiza o 14 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago a xornada "Informar en Afganistán: A ameaza dos talibáns", un encontro aberto con Mohammad Ali Pakdel, xornalista afgán que sufriu nese país as consecuencias de loitar contra a corrupción e terrorismo e que desde o verán pasado reside en Ourense como refuxiado grazas a un programa de Reporteiros Sen Fronteiras.

A asistencia á xornada é gratuíta e está aberta a todo o público en xeral. Por motivos de organización e capacidade da sala, para poder asistir, é preciso inscribirse en xornalistas@xornalistas.gal ou do teléfono 981 93 56 70. O encontro poderase ver tamén en streaming a través dunha ligazón que se anunciará nas redes do Colexio. Seguindo as normas derivadas da crise sanitaria da covid-19, o uso de máscara será obrigatorio no acto.

Mohammad Ali Pakdel

Mohammad Ali Pakdel é un xornalista de 24 anos procedente da provincia de Bamyan, ao oeste da capital. Malia á súa mocidade, ten unha ampla experiencia como xornalista desde que en 2015 comezou a traballar na axencia de noticias afgá Ava Press en Kabul, onde tamén exerceu un ano de director interno. O seu traballo, como o de boa parte das novas xeracións de xornalistas afgáns, estivo centrado na loita contra a corrupción e o terrorismo no seu país. Por causa diso, a axencia de noticias para a que traballaba sufriu no 2017 un atentado suicida, no que morreron ducias dos seus compañeiros. Cando o verán pasado os talibáns tomaron o poder, abandonou pola súa seguridade Afganistán xunto co resto da súa familia, logo de pasar cinco días no aeroporto nos que estivo axudando a sacar xente do país. Como un dos militares españois lle dixo no aeroporto de Kabul, agora ten que contar a todo o mundo as cousas que viu.

Pakdel encóntrase refuxiado en Galicia grazas a un programa de Reporteiros Sen Fronteiras, que recibiu máis de 800 solicitudes de auxililo de xornalistas afgáns e presionou ao goberno para sacar do país, xunto coas súas familias, aqueles profesionais que se encontraban nunha situación máis vulnerábel. Non foi posíbel evacuar a moitos outros, pero Reporteiros Sen Fronteiras mantén o contacto con eles, facendo un seguimiento específico de cada caso, e realizando xestións para refuxialos en lugares seguros. No que fai a aqueles profesionais xa acollidos, Reporteiros Sen Fronteiras encárgase de contactar con otras organizacións para facilitar a súa recepción, ofrecerlles un fogar e outorgarlles axuda psicolóxica, así como facilitarlles a aprendizaxe do idioma e un futuro formativo para que continuen coa súa vida laboral o antes posíbel.