Pontón pide subir os impostos ás eléctricas e a intervención pública do mercado enerxético

La líder del Bloque pidió en Vigo que se lleven a cabo una serie de medidas intervencionistas para solucionar la crisis energética. El bigobierno Sánchez - Podemos no hará mucho caso a lo que la nacionalista Pontón pide...

Pontón pide valentía ó Goberno central para subir os impostos ás eléctricas e a intervención pública do mercado enerxético

Considera as medidas necesarias pero insuficientes e curtopracistas, porque non van ó fondo do problema: a especulación cun ben que é básico

Propostas do BNG: fixar prezos máximos da luz, gas e carburantes; empresa pública da enerxía en Galicia e tarifa eléctrica galega

Reunión con ARVI: manter as exencións fiscais ós carburantes para o sector pesqueiro, axudas directas e exoneración das taxas portuarias


A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou a posición do BNG en relación ás medidas anunciadas polo Goberno central que cualifica de necesarias pero insuficientes porque son “curtopracistas” e non resolven o problema de fondo: que a enerxía é un ben esencial sometido á especulación é ao lucro privado cando debería ter un control público.

Neste sentido, a líder nacionalista pide ó Executivo de Pedro Sánchez que sexa “valente” e adopte as medidas que se necesitan para que, unha vez máis, a crise “non a paguen as maiorías sociais”. Por exemplo, argumentaba, os 20 céntimos de baixada nos carburantes non só resultan insuficientes senón que xa hai estacións de servizo que incrementaron en 30 céntimos o prezo dos combustibles.

Por iso, demandou, “hai que ir a medidas de calado como a intervención do mercado enerxético poñendo un tope máximo ó prezo da electricidade e dos carburantes, única maneira de evitar que a clase traballadora, as pequenas e medianas empresas ou sectores estratéxicos da economía se vexa afogados pola alza de prezos”. Por contra, mentres, ás eléctricas no deixan de aumentar os seus beneficios, 11.050 M€ en 2021, un 226% de incremento, “a costa da maioría social, das PEMES e do tecido produtivo”.

“Eses beneficios non teñen detrás unha mellor xestión senón a especulación cun ben básico que se lle permite ó lobby eléctrico e, por iso, desde o BNG propoñemos fixar prezos máximos, porque todo o que supere os 57 € MW/h é un custe altísimo que non podemos asumir como sociedade”, explicou Pontón.

Ademais da intervención pública do mercado enerxético para fixar prezos máximos, a líder do Bloque insiste en que hai que subir os impostos ás eléctricas, seguindo a máxima de que aporte máis quen máis ten e para que contribúan a pagar as consecuencias dunha crise coa que se están lucrando multinacionais como Iberdrola, Natury, Endesa ou Enagás. “Gravalas cun imposto especial a favor da maioría social”, recalca.

Pontón tamén destaca que a enerxía é un ben esencial e como tal debe ser tratado, por iso, entre as propostas nacionalistas a creación dunha empresa pública de electricidade en Galiza e a posta en marcha da tarifa eléctrica galega que permitiría baixar a factura da luz e que as familias e empresas se beneficien da riqueza do País, “que sirva para o desenvolvemento económico dun territorio que asume os custes sociais e ambientais, e non só ós consellos de administración das multinacionais do sector”, alega.
Esa subida de impostos ás eléctricas permitiría contar con máis recursos para axudar a quen máis o precisa, explica Pontón, como por exemplo ós 250.000 galegos e galegas en situación de pobreza para os que a subida do IMV e totalmente insuficiente no medio dunha espiral inflacionista.

“Necesitamos máis recursos, máis ambición e cambios estruturais que superen o curtopracismo, iso é o que o BNG vai defender na tramitación do decreto de axudas do Goberno central porque a maioría social non pode seguir pagando unha crise”, argumenta. Crise que, subliña, non empezou coa invasión de Ucraína, porque xa antes a subida de prezos da luz facía imposible para miles de familias chegar a fin de mes, “imaxinen como é a súa situación a día de hoxe que non poden afrontar os gastos básicos de alimentación, por iso pedimos medidas valentes, estruturais e de calado”, recalcou.

Reunión con ARVI

Pontón fixo esta valoración tras a reunión coa Asociación de Armadores de Vigo (ARVI), con que analizou a situación do sector da pesca, estratéxico na economía galega en termos de aportación ao PIB e de creación de emprego. En relación á afectación da subida dos prezos nun sector con futuro pero con importantes problemas estruturais, o BNG defende medidas como manter a exención fiscal ós carburantes ante unhas subidas “desorbitadas” para quen traballa con marxes moi axustados, “e non se pode permitir nin o amarre de barcos nin a perda de empregos”.

Igualmente, o Bloque demanda axudas directas extraordinarias que permitan saír adiante neste momento de crise, pero tamén encarar as transformacións pendentes; así como a exoneración do pago das taxas portuarias mentres a inflación non se normalice, medida que poden adoptar tanto Goberno central como a Xunta e aportaría recursos ás embarcacións.

“Hai que defender ó sector pesqueiro, porque se queremos camiñar cara a soberanía alimentaria Galiza debe seguir contando cun sector potente que, desde logo, ten no BNG un aliado para desenvolver unha pesca sustentable desde o punto de vista ambiental, económico e social e porque este País non se entendería sen o seu sector pesqueiro”, concluíu, tras un encontro que por parte de ARVI estivo presidido polo seu presidente, Javier Touza, e no que tamén participaron a portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, o portavoz municipal, Xabier Pérez, e as deputadas viguesas Carme González e Alexandra Fernández.