Quieren crear un anillo verde de 196 kms de senderos alrededor del Miño

A creación do Anel Verde do Miño, unha rede de sendeiros que unidos conforman circuíto continuo de 196 quilómetros polas ribeiras do río entre Galicia e Portugal, será un dos obxectivos prioritarios e estratéxicos na solicitude de fondos europeos para o territorio transfronteirizo do Miño no marco financeiro 2021-2027.

O proxecto do Anel Verde darase a coñecer este xoves nunha xornada de traballo organizada pola Deputación -na que participarán o AECT Rio Minho, a CIM Alto Minho, así como representantes dos concellos da ‘raia’ e dos Ministerios de Facenda e Reto Demográfico- para ser debatido e priorizado como unha das propostas ‘estrela’ que se presentarán ás convocatorias dos diferentes programas europeos.
Esta aposta pola captación de turismo, ademais estar avalada pola ‘Estratexia 2030’, coincide cos resultados da enquisa realizada en 2020 ´polo AECT Rio Minho a máis dun milleiro de persoas participantes en roteiros pola zona do Miño. Segundo a análise, existe un amplo consenso en que os sendeiros están chamados a ser “un claro factor de atracción de visitantes á zona que pode e debe ser potenciado”.

Unha grande maioría das persoas enquisadas declarouse “bastante ou moi satisfeita” coas características da ruta realizada, falando de “nivel de excelencia” pola beleza da paisaxe e a facilidade para transitar con crianzas e persoas maiores ademais de pola súa tranquilidade. Os puntos a mellorar foron os relativos á sinalización e aos servizos existentes no traxecto.

Con esa base o AECT elaborou un estudo e traballo de campo durante os anos 2020 e 2021 analizando todos os sendeiros das ribeiras galega e portuguesa (450 quilómetros) tanto a pé como en bicicleta e escolleu entre todos eles un circuíto circular transitable de 196 quilómetros que podería potenciarse tendo moitas posibilidades de mellora e de dinamización.

A proposta de longo percorrido pretende servir como artellador do territorio tanto a nivel de mobilidade como de turismo sustentable e saudable. Este Anel Verde estará dividido en 14 etapas nas que se deben potenciar unións, pontes ou bucles de unión e deseñar e realizar un proxecto de sinalización física e virtual.
Prevese publicar a rede de sendeiros nas plataformas outdoor como Wikiloc e nas webs institucionais, así como deseñar unha estratexia de dinamización e comercialización que sosteña o espazo natural do Miño como un destino turístico de calidade que reciba visitantes internacionais. Os fondos europeos que se consigan tratarán de cubrir todas esas necesidades para chegar á máxima calidade da ruta.

A presentación do Anel Verde do Miño será un dos puntos que se abordará o vindeiro xoves 31 en Tui na ‘Xornada de traballo para a preparación de proxectos do río Miño con cargo ao Marco Financeiro Europeo 21-27’ organizada pola Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza.

O obxectivo do encontro será afondar nas necesidades e posibles novos proxectos para inxectar fondos europeos no territorio miñoto, toda vez que nestes momentos é de vital importancia reactivar economicamente a zona transfronteiriza do Miño tras o impacto dobre da pandemia da COVID polo peche de fronteiras, segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez.

Entre outras presentacións, celebrarase unha mesa redonda sobre as oportunidades de financiamento europeo na que estarán o subdirector xeral da Subdirección Xeral de Cooperación Territorial Europea da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda Adrián Vecino, o asesor do gabinete da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico Miguel Ángel Pérez Grande, e o director AECT Río Minho Rui Teixeira.