Aumenta la oposición a la construcción de un nuevo embalse para suministro de aguas a Vigo


O BNG de Fornelos de Montes mostra o seu rexeitamento á construción dun novo encoro

A fronte nacionalista considera inadecuada a proposta, sen antes resolver os problemas de Vigo na rede de distribución da auga e na ETAP do Casal.

Chama a participar da concentración convocada este vindeiro sábado 23 ás 20:30 horas na rotonda de Caritel contra unha nova presa na contorna.


O BNG de Fornelos de Montes mostra o seu rexeitamento á proposta de construción dun novo encoro na contorna por entender que non é a medida máis axeitada para afrontar os problemas de abastecemento de auga e por non ter en conta as necesidades e os prexuízos que suporía para o concello.

A portavoz municipal do BNG, Milagros Casal, manifestou o seu profundo malestar con esta proposta por non contar en ningún momento coa opinión de Fornelos de Montes, que está a ser un “convidado de pedra” no debate sobre a xestión da auga. Desde a fronte nacionalista valoran a medida como inadecuada cando aínda están por resolver os problemas na rede de distribución de Vigo e na ETAP do Casal.

“Fornelos tería hipotecado o seu futuro de por vida, porque a localización da nova presa acabaría cunha das zonas de máis importancia turística, xa que nas súas proximidades están a praia fluvial, muíños de grande interese turístico e patrimonial e unha das paisaxes máis fermosas do noso concello cun importante canón natural entre os ríos Oitavén e Parada”, denunciou Casal.

A voceira nacionalista lamentou que esta proposta ignore o dano ambiental que causará nun ecosistema xa suficientemente agredido polo encoro de Eiras e que suporía acabar definitivamente co río Oitavén. “Ademais truncaría de novo o rexurdimento económico local, mermando as posibilidades de explotación deste espazo natural”, criticou Casal.

Por estes motivos, o BNG de Fornelos de Montes levará ao próximo pleno unha moción en contra da construción dun novo encoro. Desde a fronte nacionalista piden o apoio do resto de grupos municipais (PSOE e PP), rectificando a posición defendida por ambas forzas políticas en outubro do 2021 cando rexeitaron unha moción similar do Bloque.

Desde o BNG de Fornelos de Montes chaman a participar da concentración convocada este vindeiro sábado 23 ás 20:30 horas na rotonda de Caritel contra unha nova presa na contorna.