CPXG lembra que a liberdade de información segue a ser vítima dos conflitos bélicos
rbtribuna
No cabodano de José Couso, o CPXG lembra que a liberdade de información segue a ser vítima dos conflitos bélicos
Hoxe, venres 8 de abril, conmemoramos unha vez máis o cabodano de José Couso, de cuxo asasinato se fan xa dezanove anos. O cámara ferrolán foi asasinado o 8 de abril de 2003 xunto ao xornalista ucraíno Taras Protsyuk, cando o hotel de Bagdad que acollía á prensa internacional que cubría a guerra de Irak recibiu o disparo dun tanque do exército dos Estados Unidos. Ese mesmo día morría tamén o xordano Tarek Ayub nun ataque contra a oficina de Al Jazeera.
Case vinte anos despois, continuamos a ter que lembrar que o crime que acabou coa morte do camarógrafo segue impune, unha circunstancia que, lonxe de ser excepcional, se converteu case na norma nos asasinatos de comunicadores: só o 13% dos casos rexistrados pola Unesco nos últimos quince anos foron resoltos xudicialmente. O Colexio de Xornalistas súmase unha vez máis ás peticións de familiares e amigos do cámara ferrolán para esixir xustiza pola morte de Couso e a recuperación da xustiza universal na nosa lexislación. A impunidade dos crimes contra xornalistas deixa indefensos aos profesionais da comunicación, pondo en perigo así o dereito á información da cidadanía.
Hoxe, a actualidade está marcada por unha nova guerra, á de Ucraína, que segue a cobrarse as vidas de numerosos xornalistas. No pouco máis dun mes transcorrido desde que comezou a invasión rusa, Evgeny Sakun, Brent Renaud, Pierre Zakrzewski, Oleksandra Kuvshynova, Oksana Baulina, Maks Levin e Mantas Kvedaravičius foron asasinados mentres estaban a realizar o seu labor como informadores. A eles habería que sumar tamén outros sete comunicadores mortos no conflito entre Rusía e Ucraína desde o comezo da guerra no Donbás en 2014: Andrea Rocchelli, Andrei Mironov, Igor Kornelyuk, Anton Voloshin, Anatoly Klyan, Andrey Stenin e Serhiy Nikolayev.
O Premio Couso de Liberdade de Prensa, organizado desde 2004 polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol para honrar a memoria do camarógrafo e que ten este ano como candidatos a Mònica Bernabé, Pablo González, Víctor Guerrero e Érika Reija, dá boa conta de que o dereito á información é unha das principais vítimas en calquera conflito bélico. Non só por medio do asasinato de xornalistas, a expresión máis cruenta dos ataques á liberdade de prensa, senón tamén con múltiplas trabas ao traballo de informar. Reija tivo que abandonar a correspondencia da TVE en Rusia logo da aprobación dunha lei que sanciona con até 15 anos de cadea a publicación de informacións que o goberno considere falsas. Pero máis grave aínda é o caso de González, encarcerado en Rzeszów (Polonia) baixo a acusación dun delito de espionaxe e que leva xa 40 días sen poder comunicarse coa familia nin ter asistencia legal. O Colexio de Xornalistas quere esixir unha vez máis, hoxe, a súa inmediata posta en liberdade.
O aniversario da morte de José Couso é unha ocasión para lembrar cada ano a súa figura e seguir a reclamar xustiza para o seu asasinato. Máis tamén debe servirnos como un símbolo na defensa da liberdade de información en todo o mundo, e especialmente alí onde se estean a producir situacións bélicas. É preciso lembrar hoxe que os ataques á liberdade de información (e o asasinato de xornalistas non é senón a expresión máis sanguenta destes ataques) representan unha violación dos dereitos humanos de toda a sociedade. Outro máis dos múltiplos crimes que signigican as guerras.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia