"rbtribuna") Por el final de las absurdas fronteras (políticas, sociales, burocráticas, económicas...) que aún subsisten entre España (singularmente Galicia) y Portugal...y que tanto perjudican a la ciudadanía ibérica

Escolares gallegos y portugueses lanzan 6.000 crías de salmón en el Miño




A directora xeral de Patrimonio Natural e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra participaron na actividade xunto a unha trintena de escolares de Galicia e Portugal

A XUNTA REALIZA UNHA SOLTA DE 6.000 ESGUÍNS EN TUI PARA REIVINDICAR A CANDIDATURA DO PROXECTO MIGRA MIÑO AO PREMIO NATURA 2000 DA COMISIÓN EUROPEA

Belén do Campo subliña que se trata da única iniciativa de cooperación hispano-lusa que opta a recibir este galardón e anima a votar por ela ata o vindeiro 27 de abril xa que, como finalista, é candidata tamén ao Premio da Cidadanía Europea

O proxecto transfronteirizo foi impulsado en 2017 para mellorar a conservación dos hábitats fluviais e das principais especies migratorias comúns, liberando a tal fin máis de 173.000 xuvenís de salmón e 1.613 kg de anguías na bacía internacional do Miño

A Xunta organizou unha solta de 6.000 esguíns de salmón no río Miño desde a Comandancia Naval de Tui no marco da colaboración transfronteiriza que manteñen as autoridades galegas e portuguesas na zona co fin de mellorar a conservación dos seus hábitats fluviais. Con esta nova acción de repoboación, ademais, búscase reivindicar e promover a candidatura do chamado proxecto Migra Miño ao Premio Natura 2000, convocado pola Comisión Europea.

Tras o acto, no que colaboraron as Forzas Armadas española e portuguesa, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, explicou que se trata da única iniciativa de cooperación entre ambos países que chega a finalista na sexta edición destes galardóns, aos que concorreron un total de 40 proxectos de toda a Unión Europea.

Co Premio Natura 2000 quérese recoñecer os esforzos realizados polos países comunitarios para protexer e restaurar os ecosistemas naturais mediante accións de conservación e sensibilización sobre os hábitats e as especies que os conforman.

No caso concreto de Migra Miño, o proxecto opta ao recoñecemento na categoría de Cooperación Transfronteiriza, xunto a tres iniciativas de Austria, Francia e Alemaña. O gañador será escollido por un xurado profesional e como explicou Belén do Campo, darase a coñecer o vindeiro mes de maio en Bruxelas. En todo caso, lembrou que o público tamén poderá escoller entre todos os finalistas que proxecto se leva o Premio da Cidadanía Europea, polo que animou a votar por Migra Miño ata o vindeiro 27 de abril.

Neste sentido, Do Campo salientou que lograr esta distinción suporía un recoñecemento ao traballo conxunto de Galicia e Portugal na protección da biodiversidade e na conservación da natureza na bacía internacional do Miño. A modo de exemplo, referiuse á colaboración transfronteiriza levada a cabo nos últimos anos e que de feito, continúa na actualidade con accións como a desta mañá, a pesar de que o proxecto rematou en 2021.

Así, na solta de esguíns de hoxe participaron unha trintena de escolares de dous colexios de Tui e de Valença do Minho, que estiveron acompañados en todo momento por persoal da Comandancia Naval de Tui —baixo o mando do comandante Pablo Redondo— e da de Caminha, que se desprazou ata o municipio pontevedrés para colaborar no dispositivo.

De igual xeito, no acto tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Potevedra, Luis López, o xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente; Territorio e Vivenda na provincia, José Manuel González, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara Municipal de Valença do Minho, José Manuel Carpinteira, entre outros.

Mellora dos hábitats fluviais

No ano 2017 as autoridades galegas e portuguesas impulsaron o proxecto Migra Miño co fin de mellorar o estado de conservación dos hábitats fluviais e das principais especies migratorias de peixes a ambos lados da fronteira que marca o río, poñendo á vez en valor a pesca tradicional e contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico deste territorio.

O ámbito de intervención céntrase no tramo internacional do Miño, desde o embalse de Frieira, en Ourense, ata a súa desembocadura, e abrangue cinco espazos Rede Natura 2000, dous deles en Galicia —a Zona de especial conservación (ZEC) Baixo Miño e a ZEC Río Tea—, e tres en Portugal —río Miño, Corno do Bico e estuarios dos ríos Miño e Coura—.

Para cumprir os obxectivos do proxecto, nos últimos cinco anos liberáronse máis de 173.000 xuvenís de salmón, incluídos os 6.000 esguíns de hoxe, e 1.613 quilos de anguías, o equivalente a uns 378.000 exemplares desta especie. Ademais, Migra Miño permitiu que, por primeira vez, se realizaran repoboacións de anguías e salmóns en Portugal grazas á colaboración da Xunta e do Instituto da Conservação da Natureza e das Forestas (ICNF).

Por outra parte, no marco deste proxecto elaborouse un documento que recolle as normas de xestión comúns para a pesca fluvial no tramo internacional e nos seus afluentes. Así mesmo, permeabilizáronse ou elimináronse 11 obstáculos de 4 afluentes do Miño, o que permitiu pasar de 5,9 km de río dispoñibles para os peixes migradores a 43,8 km; e no río Tea, recuperáronse 12 km de bosque de ribeira e mellorouse a estación de captura da Freixa para optimizar o labor de control das poboacións migradoras.

As entidades galegas implicadas no proxecto son, ademais da Xunta, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Universidade de Santiago; mentres que por parte lusa participan o citado ICNF, a Agência Portuguesa do Ambiente, I.P., o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental e a Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira.