Galicia é a terceira Comunidade Autónoma na que máis baixou o paro en marzo

  • A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou os datos do paro rexistrado destacando que en Galicia caeu o desemprego e creceron as afiliacións e a contratación na evolución mensual e anual, pese a contexto de “incerteza” e “inseguridade” xerado pola guerra, a suba enerxética e a folga de transportes 
  • O paro descendeu en todos os sectores de actividade e aumentou a contratación indefinida e a tempo completo na evolución anual e mensual 
  • Lado sinalou que a diminución con respecto a marzo de 2021 do -15,15% supón a maior caída de paro nun mes de marzo e a cifra de afiliacións sitúase a un nivel superior ao de hai 12 anos 
  • Salienta que o impulso e mantemento do emprego é “unha prioridade” para a Xunta que “sempre” estará ao carón de empresas e traballadores lembrando os plans de rescate xa activados e a unha liña de axudas que se porán en marcha para actividades especialmente paralizadas 

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou de xeito positivo os datos de paro rexistrado contabilizados en Galicia no mes de marzo. Galicia cun descenso de 1.173 persoas é a terceira comunidade autónoma na que máis caeu o paro con respecto a febreiro; e a cuarta en termos relativos cun -0,76% menos de paro. 

En liñas xerais, Lado indicou que en Galicia baixou o paro e aumentaron as afiliacións e a contratación tanto na evolución anual como mensual, pese ao actual contexto socioeconómico de “incerteza” e “inseguridade” xerado pola guerra de Ucraína, a suba enerxética e a folga de transportes e “agravado pola falta de planificación e inconcreción das medidas do Estado”, engadiu.

Con respecto ao inicio da pandemia (febreiro de 2020), Galicia (-7,76%) continúa cunha baixada do paro maior que a rexistrada no Estado (-4,23%) con 3,23 puntos de vantaxe. 

Na evolución anual, cunha caída do -15,15%, o paro volve a baixar en marzo tras as subidas experimentadas en 2020 e 2021 polo efecto da covid-19. Recupérase, polo tanto, a evolución positiva anterior ao comezo da pandemia e acádase  o maior descenso do paro nun mes de marzo de toda a serie histórica (1996) en termos absolutos e relativos. Galicia, ademais, acumula un ano consecutivo de baixada do paro. 

Lado fixe fincapé en que o desemprego cae nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades, así como en todo os sectores de actividade económica, liderando o descenso a construción (-18,88%), seguido da industria (-17,60%), dos servizos (-14,95%) e da agricultura e a pesca (-13,22%). O paro tamén diminúe nos colectivos que son prioritarios para a Xunta: a cifra de desemprego entre os parados de longa duración é a máis baixa nun marzo desde 2009; e as mulleres e menores de 30 anos en paro acadan o menor número nun marzo de toda a serie histórica de datos (2006). 

Con respecto á afiliación, aumentou nun +2,98% e a cifra de 1.028.457 sitúase nun nivel superior ao de hai 12 anos (marzo de 2010). A contratación tamén creceu en termos xerais, incrementándose a indefinida (+122,69%) e a tempo completo (+10,52%).

Evolución mensual

En canto á evolución mensual, o paro diminúe en todos os sectores de actividade, ao igual que na evolución mensual. A baixada rexistrada, do -0,76%, ademais de situar a Galicia como a terceira comunidade con maior descenso do paro, avantaxa en 0,67 puntos a diminución do Estado. 

As afiliacións medran nun 0,23% e a contratación tamén sube, ao igual que na evolución anual, en termos globais rexistrándose o aumento nos contratos indefinidos (+36,60%) e a tempo completo (+7,53%). 

A directora xeral salientou que o impulso e o mantemento do emprego é e será unha prioridade para a Xunta de Galicia e, por iso, sinalou que o Goberno galego está a deseñar novas iniciativas para seguir apoiando ás empresas e traballadores máis afectados polo actual contexto socioeconómico. 

Lembrou que a Administración galega activou coa pandemia os plans de rescate e outras axudas directas que superaron un investimento de 613 millóns de euros; e apuntou que na actualidade estase ultimando o deseño dun novo programa de apoios que completa aos plans de rescate. 

Nesta ocasión, a iniciativa irá dirixida a autónomos e pemes con actividades especialmente paralizadas que tiveran unha caída de facturación de polo menos o 70% no 2021 con respecto ao 2019. Os beneficiarios destas axudas poderán recibir contías de entre 1.000 e 12.000 euros, segundo os ingresos de facturación do ano 2019. 

Estes apoios sumaranse, en palabras de Lado, aos 26 millóns de euros activados nos tres primeiros meses do ano  para os autónomos e as próximas convocatorias que se aprobarán e que, en global, forman parte dun Plan de axudas integral para favorecer o emprego entre os traballadores por conta propia, dotado con 37 millóns para 2022.