Galicia pechou o 2021 como a terceira comunidade de réxime común con menor ratio débeda/PIB



Galicia pechou o ano 2021 como a terceira comunidade autónoma de réxime común con menor ratio débeda/PIB, logo de reducir este indicador un punto en relación ao ano anterior, tal e como mostran os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes ao cuarto trimestre do ano publicados hoxe polo Banco de España.

En concreto, a ratio débeda/PIB de Galicia baixou ata o 18,5%, en niveis prepandemia, fronte ao dato do 19,5% do peche do ano 2020. Desta forma, o organismo regulador volve situar á Comunidade Autónoma galega como a terceira de réxime común con menor endebedamento de toda España.

Cos datos a peche de exercicio, Galicia ten un diferencial coa media autonómica que é 7,4 puntos inferior á ratio débeda/PIB da media de comunidades (25,9%) e só superior ao de dúas comunidades autónomas de réxime común, Canarias e Madrid.

Ademais, Galicia tamén pechou o ano 2021 sendo a 3ª Comunidade Autónoma con menor endebedamento por habitante de España. A débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.353 euros fronte aos 6.626 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.273 euros menos que a media autonómica.

Volume de débeda

O Banco de España ratifica ademais que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.
A redución do endebedamento nos últimos exercicios fai que Galicia estea nunha mellor posición financeira para responder ás esixencias económicas derivadas dos efectos negativos do coronavirus e para poder pasar da reactivación á recuperación.