Non sei que me pasa esta mañá que teño gañas de loita e o meu despertar sitúase naquelas batallas que libramos contra do fascismo, ise que parece estar de volta na España, coas suas amenazas de sempre. ¡Contareiche unha da que fala moitas veces este avó! E que onte vin na TVG2 un fermoso documental que me trouxo as lembranzas daqueles días.

A historia das Encrobas foi pouco contada nesta Galicia da modernidade. É o testemuño da loita popular contra o franquismo establecido e contra os seus múltiples abusos de poder. É tamén a crónica da primeira das batallas que a xente nova dos anos setenta libraríamos en defensa da Terra e da natureza amada, apoiando unha valente iniciativa veciñal.

As Encrobas é hoxe a memoria estética, fotoxornalística,  dunha loita desigual, e da morte anunciada dun fértil val, por mor da extracción de carbón. Aquela loita tivo o seu líder ao que lle chamaban o “ché” galego; un cura singular, o sempre recordado Moncho Valcarce.  Tamén tivo o seu himno, a cantiga popular de Fuxan os Ventos. E daquela rebeldía xorde así mesmo un espírito de vitoria, que deu orixe á primeira formación ecoloxista do país, Adega.

É verdade que, malia todo, aquela mina deixou ao descuberto o negro subsolo do val fermoso, pero polo menos aqueles case mil veciños cobraron un mellor prezo polas súas terras e As Encrobas converteuse en exemplo de rebelión e loita popular contra a inxustiza.

Agora as minas de Meirama -e tamén a de As Pontes- foron clausuradas. Ápagouse así a chama acesa polo carbón galego. Para mal e para ben. E cando te mires no espello do lago que hoxe disimula aquela desfeita, lembra que baixo as augas ainda vive o espíritu das Escrobas. 

As lembranzas hoxe vóltanse tristes porque, cando miramos hacia o futuro, non vemos líderes do presente capaces de cambear iste orden mundial que desordena as nosas vidas e as dos nosos compañeiros.

XERARDO RODRÍGUEZ, director de GALICIA ÚNICA