"rbtribuna") Por el final de las absurdas fronteras (políticas, sociales, burocráticas, económicas...) que aún subsisten entre España (singularmente Galicia) y Portugal...y que tanto perjudican a la ciudadanía ibérica

O Bloque recrimina á Xunta que non interveña para garantir o futuro do asteleiro Barreras

O BNG recrimina á Xunta que non interveña para garantir o futuro de Barreras pese a ter as competencias para facelo 

O BNG recriminou á Xunta no Parlamento galego a súa política de “manterse á marxe, estar de perfil e non mollarse” á hora de garantir o futuro de Barreras xa que, en contra do que mantén, “non é certo que non poida intervir porque ten as competencias en materia de industria; outra cousa é que queira facelo”.   

Así o afirmou a deputada nacionalista Carmela González en defensa da súa proposición non de lei para que o Goberno galego desenvolva todas as actuacións precisas co obxectivo de garantir a continuidade da actividade e o emprego no estaleiro vigués, evitando “o desgaxamento da empresa e incluíndo a posibilidade dunha intervención pública directa para convertelo nun estaleiro de titularidade pública ou semipública”, iniciativa que foi rexeitada por PP e PSOE.

“O maior estaleiro privado do Estado, fundamental para o sector naval na ría de Vigo, está nunha situación que require da actuación da Xunta”, argumentou logo de advertir que, apenas cinco meses despois da entrada de Ritz Carlton, a empresa non está a cumprir os acordos de refinanciamento, segundo denuncian as auxiliares, mantén a tan só 200 persoas traballando actualmente no buque Evrima e demanda agora máis recursos públicos.

“Aínda estando decididamente de acordo co apoio económico para garantir a viabilidade das industrias do sector naval, consideramos que este apoio ten que ter unha implicación directa das Administracións nas empresas: non podemos seguir salvando as contas dos estaleiros metendo nos petos dos accionistas privados diñeiro público a fondo perdido, hai que aposta por un sector naval público ou semipúblico que garanta a carga de traballo e os postos de traballo”, recalcou González despois de alertar sobre os empregos que están en risco polo proceso de venda no que se atopa inmerso o estaleiro.

A deputada nacionalista reprobou a actitude do Executivo do PP, do que dixo “está moi cómodo esperando a que o xulgado resolva o proceso cando é a súa obriga implicarse na política industrial e nun sector estratéxico como o naval e para iso ten que tomar partido”, e avogou por que tanto Xunta como Goberno estatal participen no consello de administración exercendo unha “tarefa de tutela” que vele polo correcto uso dos fondos públicos e garanta unha saída viable e estable para Barreras.

Así mesmo, considerou imprescindible por parte do Goberno galego un plan industrial e financeiro para todo o sector que permita garantir o seu futuro e relanzando a construción naval galega. “Son necesarias políticas decididas que garantan a viabilidade dun sector que está en perigo tal e como o coñecemos e isto non o di o BNG, dino os datos: 9.000 empregos perdidos nos últimos 13 anos”, concluíu.