O Museo de Pontevedra vai celebrar como corresponde o Día do Libro



O Museo de Pontevedra vai celebrar unha vez máis o Día do Libro o vindeiro sábado 23 de abril poñendo en marcha diferentes actividades: un obradoiro de exlibris para adultos e unha instalación para lembrar ao escultor Dan Graham, autor da ‘Pirámide’ instalada en 1999 na Illa de Esculturas, sobre a que a institución ten publicado diverso material divulgativo.

O obradoiro de creación de exlibris (selos que identifican á persoa propietaria dos libros dunha biblioteca) será moi similar ao realizado recentemente na exposición ‘Castelao. A viaxe de 1921’, que xa tivera grande éxito de público. Empregarase a técnica dos tipos móbiles, reproducindo algúns exlibris tal como se facían nas imprentas antigas, combinando tipografías de chumbo, ornamentos e imaxes. Ademais as persoas participantes porán en práctica a elaboración de exlibris mediante a técnica do gravado con linóleo, de xeito que poderán levarse o seu personalizado para casa.

A actividade desenvolverase o propio sábado 23 de cinco a sete da tarde no Edificio Castelao, sendo preciso realizar inscrición previa en reservas.museo@depo.gal, xa que as prazas son limitadas.

Ademáis do obradoiro, o Museo realizará o propio día 23 unha instalación recordando á obra do escultor recentemente falecido Dan Graham, ‘Pyramid’, que está ubicada na Illa das Esculturas. Para iso utilizaranse exemplares das publicacións que edita o Museo (catálogos, material divulgativo, etc), creando unha figura na zona acristalada do vestíbulo, lembrando así a importancia para o autor dos traballos con materiais transparentes, cristais e semellantes, nos que estudiaba o fenómeno dos reflexos e refracción da luz.

Biblioteca do Arquivo provincial

Por outra banda, e tamén co gallo da celebración do Día do Libro a biblioteca do Arquivo provincial vén de publicar o boletín de novidades no que se recollen as últimas incorporacións á colección provincial.

Nesta ocasión inclúe, entre outros, libros relacionados con temas de historia (como por exemplo Breve historia da cidade de Vigo, A Irmandade Galeguista do Grove ou As Irmandades da Fala no seu tempo), literatura (Violetas no asfalto, O fío vermello), patrimonio (A batucada galega), memoria histórica (Soldados forzosos, Illote P-barraca 16) ou personaxes destacados da cultura galega (Castelao: construtor da nación, Apuntamentos sobre Emilia Pardo Bazán, Cunqueiro e Pontevedra).

En total son 74 novos títulos xa dispoñibles na biblioteca na modalidade de préstamo, relacionados na súa práctica totalidade desde o punto de vista da súa autoría, edición ou temática co ámbito galego e nunha alta porcentaxe (52%) coa provincia de Pontevedra.

Dos 74 novos títulos, un 88% (65) está en lingua galega, 47 pertencen a editoriais privadas e os outros 27 corresponden a asociacións ou institucións de carácter público (entre eles, 8 editados ou subvencionados pola propia Deputación de Pontevedra).

O boletín está xa publicado no seu apartado específico da web e nos próximos días será remitido tamén vía correo electrónico a todas aquelas persoas que realizasen a correspondente solicitude a través da subscrición. Inclúe unha información básica das publicacións e o acceso directo ás correspondentes fichas bibliográficas en Atopo, cos datos completos e as condicións de acceso e dispoñibilidade.