Parlamento galego) Acuerdo unánime en Comisión de Pesca para pedir rectificación legal al Estado

O BNG acada un acordo para incluír no Real Decreto as diferencias entre a arte das betas e das volantillas e garantir que podan faenar en augas interiores e fóra delas 

Rosana Pérez insistiu na urxencia de corrixir o actual proxecto do Real  Decreto que compara betas con  volantillas cando en Galiza estas artes non son equivalentes

 

O BNG acadou un  “acordo unánime” na Comisión de Pesca do Parlamento galego para reclamar ao goberno do Estado “corrixir”  o “proxecto de Real Decreto” que regula o exercicio da pesca das diferentes modalidades que faenan en augas dos caladoiros do Cantábrico Noroeste, Golfo de Cádiz e Mediterráneo, co obxecto de incluír no texto final a “diferenciación entre a arte das betas e a das volantillas e garantir  que as embarcacións que empregan estas últimas podan faenar tanto en augas interiores como fóra delas”.

 

A portavoz de pesca e autora da iniciativa, Rosana Pérez explicou que o proxecto de Real Decreto pretende regular a pesca nos caladoiros de augas territoriais competencia do goberno do Estado cunhas previsións que suporán, de manterse no texto, “importantes problemas para o sector pesqueiro galego”.


Rosana Pérez aludiu aos artigos 27 e 28 do Capítulo V, relacionados coas artes menores de pesca con  referencia ás coñecidas como “redes de enmalle dun só pano ou betas” establecendo unha relación de sinonimia entre o termo ‘betas’ e ‘volantillas’, cando en Galicia, puntualizou, “estas artes non son equivalentes polas súas diferentes características técnicas”.


Neste sentido, lembrou que o  Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro,  que  regula as artes,  aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidas para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, deixa claras as características específicas das dúas técnicas. No caso das dimensións da malla, para a beta sería de igual ou máis de 60 milímetros, mentres que para a volantilla será mínimo de 60 e máximo de 90 milímetros.

 

Por outra banda,  as pezas da beta terán unha lonxitude máxima de 50 metros e unha altura máxima de 3 metros e as da volantilla, ademais desa lonxitude máxima de 50 metros, terán un número máximo de 70 mallas en vertical.


O uso de volantillas contribúe a unha pesca máis selectiva e respectuosa cos recursos mariños e limítase ao ámbito das augas interiores, competencia de Galicia pero  nalgunhas zonas  nalgunhas zonas, como é o caso da Costa da Morte, indicou a nacionalista, resulta complicado aterse  rigorosamente á lei, xa que o límite entre ambas dúas augas está moi próximo. “Cómpre, pois, garantir a mobilidade dos barcos
pesqueiros para acceder aos bancos de pesca, sobre todo ás especies de maior tamaño presentes maioritariamente fóra das augas interiores, e cómpre incorporar  á regulación estatal á pesca con volantillas entre as artes permitidas, o que evitaría o risco de infraccións e, polo tanto, de sanción aos mariñeiros”.

 

Rosana Pérez amosou a súa satisfacción polo apoio unánime  da Comisión e Pesca  á iniciativa nacionalista, un acordo que insta á Xunta a reclamar ao goberno do Estado corrixir  o Real Decreto co  obxecto de incluír no texto final “a diferenciación entre a arte das betas e a das volantillas e garantir  que as embarcacións que empregan estas últimas podan faenar tanto en augas interiores como fóra delas”.