A Xunta alerta de que a cadea mar-industria de Galicia está ameazada por decisións do Goberno central
A conselleira do Mar en funcións visitou as depuradoras Mariscos Linamar e Mariscos Daporta no peirao de Tragove
- O Goberno galego lembra que a interpretación do Executivo do Estado sobre o plan especial do porto de Tragove demostra que o sector se atopa ante un problema real, tal como se leva advertindo desde Galicia desde o ano 2019
- A Administración central cuestiona a presenza en terreos portuarios de actividades tradicionalmente permitidas como a acuicultura ou a depuración de produtos do mar, algo que, advirte a conselleira do Mar en funcións, é de extrema gravidade e semella invadir competencias autonómicas
- Rosa Quintana alerta de que estas decisións poderían estenderse a moitos dos 122 peiraos autonómicos cos que conta Galicia poñendo en risco instalacións do complexo mar-industria, edificacións de carácter social como centros de saúde ou colexios e incluso inmobles de institucións dependentes da Xunta e da Administración estatal
- A titular de Mar en funcións aclara que a situación actual difire moito da vivida en 2013, cando o Goberno de Mariano Rajoy permitiu a aprobación da Delimitación de Espazos e Usos Portuarios de Cambados tras unha aclaración de Portos de Galicia sobre os usos que se estaban a dar neses terreos
- O informe do Executivo central pretende aplicar a Lei de Costas nos espazos portuarios obviando a Lei de Portos de Galicia e a DEUP de Cambados, o que xera inseguridade xurídica no sector e en milleiros de edificacións
A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, visitou hoxe as depuradoras Mariscos Linamar e Mariscos Daporta no porto de Tragove, en Cambados, para analizar a situación na que se atopan tralo informe emitido por Costas do Estado que cuestiona a súa continuidade en terreos portuarios. A súa situación, aseverou, vén a confirmar o que o Executivo galego leva denunciando desde 2019, que as decisións do Goberno central neste sentido poñen en risco o futuro da cadea mar-industria de Galicia. Só neste caso, no do porto de Tragove, vense afectadas tres depuradoras -estas dúas e outra máis- e arredor de 300 empregos.
“Todo aquilo que levamos dicindo desde o ano 2019 e polo que nos chamaban alarmistas, vemos que é unha realidade. Diciamos que viña o lobo e acusábannos de mentir, pero vemos que o lobo xa está aquí”, lamentou a titular de Mar en funcións, que lle trasladou aos responsables das dúas empresas o seu apoio e que a comunidade autónoma vai traballar na defensa dos seus intereses.
A representante da Xunta pediulle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que non aplique agravios comparativos con Galicia e dea seguridade xurídica ás empresas do sector para que poidan desenvolver os seus proxectos. Neste sentido, incidiu en que as consideracións do Executivo estatal sobre o plan especial de Cambados semellan invadir competencias exclusivas de Galicia.
A interpretación que fai o Goberno central -que cuestiona a presenza en terreos portuarios de actividades tradicionalmente permitidas como a acuicultura e a depuración de produtos do mar- pon en risco uns 300 postos de traballo só nas tres depuradoras afectadas do porto de Tragove e ameaza outras instalacións sociais -como o centro de saúde, a estación de autobuses ou a futura praza de abastos- localizadas nas proximidades.
Extrema gravidade
Rosa Quintana destacou que se trata dun asunto de extrema gravidade pois o mesmo problema pode reproducirse en moitos dos 122 peiraos autonómicos cos que conta Galicia, o que deixaría no aire a continuidade de numerosas instalacións do complexo mar-industria e de edificacións de carácter social como centros de saúde, colexios, prazas de abastos ou incluso inmobles de institucións dependentes da Xunta ou da Administración Xeral do Estado.
A conselleira do Mar en funcións tamén aclarou que a situación vivida na actualidade co plan especial de Cambados non ten nada que ver coa rexistrada en 2013, cando o Goberno de Mariano Rajoy emitiu un informe inicial desfavorable a certos usos que se estaban dando en terreos portuarios de Cambados que Portos de Galicia rebateu, o que permitiu aprobar a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios. Deste xeito, mantivéronse os usos preexistentes e aprobouse a DEUP sen que fose recorrida, polo que o Estado respectou as competencias da comunidade autónoma.
Agora, incidiu a representante da Xunta, o informe de Costas do Estado pretende aplicar a Lei de Costas nos terreos portuarios polo que vai en contra da Lei de Portos de Galicia -vixente desde 2018-, do Estatuto de Autonomía de Galicia e da propia DEUP. Deste xeito, o Goberno central estaría a invadir competencias de Galicia, cousa que non se fixo en 2013, algo que Rosa Quintana cualificou como un novo ataque, inaceptable e desleal, ao complexo mar-industria de Galicia.
A representante do Executivo autonómico, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e polo director de Portos de Galicia, Roi Fernández, incidiu en que este tipo de actuacións por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico xeran inseguridade xurídica no sector. Trátase de interpretacións, engadiu, que poñen en dúbida o desenvolvemento de actividades tradicionalmente presentes nos portos, o que dificulta a planificación das empresas para facer investimentos e que moitas se vexan obrigadas a pechar porque a súa actividade é inviable técnica e economicamente.
Outros ataques
Rosa Quintana recordou que aos atrancos postos polo Goberno central nas prórrogas das concesións dos establecementos asentados na liña de costa e ás interpretacións restritivas da normativa se engaden outros ataques contra o complexo mar-industria de Galicia como o recurso ao Plan xeral de explotación marisqueira 2021-2023. “Por primeira vez desde 1991 recorreron algo para o que temos competencias exclusivas. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deunos a razón cunha sentenza moi ben fundamentada e o Goberno central volveu recorrer poñendo en risco unha explotación marisqueira -cuns 9.000 profesionais afectados- que é un modelo a seguir na Unión Europea”, censurou.
A conselleira do Mar en funcións, que recentemente mantivo un encontro con representantes do complexo mar-industria de Galicia para analizar este asunto, asegurou que a Xunta non vai escatimar esforzos co obxectivo de velar pola actividade dunhas empresas vitais para as vilas costeiras e para o conxunto da economía de Galicia.