Con motivo da celebración do Día
Internacional da Liberdade de Prensa este martes, 3 de maio, a artista
traballa nunha proposta fundamentada nun dos principos básicos do
xornalismo que resume a profesión en tres accións: ir, ver e contar. Ao
tempo visibiliza como as mulleres constitúen na actualidade a maior
forza de traballo nas redaccións de todo o país e tamén a importancia de
escoller voces e olladas femininas como fonte de información para
reflectir axeitadamente a pluralidade do noso mundo. O mural de Xoana
Almar pretende ademais homenaxear o xornalismo local e a súa función
esencial para manter informada a comunidade e garantir os seus dereitos
democráticos.
O proxecto encádrase na terceira
edición do festival de arte urbano Culturban, organizado pola área de
Cultura do Concello de Lugo e o Espazo Lupa Arte. O artista lugués Iago
Eireos coordina este festival, que procura as interaccións entre as
expresións creativas plásticas e o urbanismo a través de intervencións
nos espazos públicos.
Xoana Almar formouse como
ilustradora, economista e antropóloga. Estudou en Granada e alí comezou a
traballar no eido da pintura a partir do 2008. No 2013 volve a Galicia e
constitúe xunto a Miguel Peralta e Raquel Doallo a cooperativa Cestola na Cachola,
onde traballa como muralista, pintora e ilustradora. No seu traballo
hai influencias de diferentes nomes da pintura galega, tanto clásicos
como actuais. A través das súas personaxes, maioritariamente femininas,
sobresae unha busca de formas sinxelas coas que tenta expresar unha
personalidade ou historia de vida.