Original iniciativa en Vigo) Nace «Banda á Feira» para llenar de cómic O Calvario
0
Comentarios
Nace «Banda á Feira» para encher de cómic o Calvario (Vigo)
O evento celebrarase durante os días 4 e 5 de xuño ao longo da peonil de Urzáiz.
O cartel é obra de Das Pastoras, un histórico do cómic internacional.
A próxima fin de semana do sábado 4 e domingo 5 de xuño
celebrarase a primeira edición de Banda á Feira, un evento organizado
pola Asociación de Veciños do Calvario, Vigo, e que pretende achegar o cómic
aos vigueses sacándoo ás rúas.
Recoñecéndose
como un evento humilde e coa filosofía clara de facer que todo o mundo
poida gozar do cómic, Banda á Feira propón dous días nos que haberá
charlas, talleres para os máis pequenos e varias exposicións dispostas
ao longo da zona peonil da rúa Urzáiz, nos arredores do Mercado do
Calvario.
Durante estas dúas xornadas visitarán a cidade varios autores do panorama nacional como Borja González (The black holes, Grito nocturno), Mayte Alvarado (La isla), Carles Dalmau (Planeta Manga) ou Anabel Colazo (Encuentros cercanos, Espada)
e entre todos eles compoñerase unha exposición ao aire libre que
encherá de arte as rúas do barrio. Exposición que se completará cunha
mostra de «Subnormal», o cómic sobre acoso escolar dos vigueses Fernando Llor e Miguel Porto.
Deste
xeito, Banda á Feira quere celebrar o amor polas viñetas e xerar unha
cita anual que aos poucos vaia fixándose no calendario dos apaixonados
polo que se coñece coma a novena arte.
Unha foto de familia de personaxes emblemáticos
O
cartel para esta primeira edición de Banda á Feira é obra de Julio
Martínez, coñecido artisticamente como Das Pastoras, e con gran
arraigamento na cidade olívica, unha auténtica lenda do mundo do cómic
que traballou en grandes compañías como Marvel ou participou en títulos
inesquecibles como La casta de los metabarones xunto a Alejandro
Jodorowsky.
A
intención do cartel é a de mostrar unha celebración, unha festa en
torno ao cómic que ten a varios personaxes emblemáticos como
protagonistas fronte a un dos enclaves máis recoñecibles e con máis
historia do barrio: o Mercado.
Nos
próximos días coñeceranse os detalles e o horario de todas as
actividades previstas de Banda á Feira, que encherán o Calvario de
cómics a primeira fin de semana de xuño.
Banda
á feira é un evento creado pola Asociación de Veciños do Calvario coa
intención de sacar o cómic á rúa e mostrar todas as súas capacidades
artísticas dende a celebración cultural e nunha contorna inmellorable.
Organizan:
Raúl Fontán – presidente da Asociación de Veciños do Calvario
Félix Rodríguez – organizador
Melo – organizador
Fernando Llor – organizador