Xabier P. Igrexas


O BNG reclama "explicacións e desculpas de Caballero pola corrupción na Entidade Local Menor de Bembrive"

A fronte nacionalista volve esixir ao rexedor e presidente local do PSOE en Vigo que "dea a cara por ter “patrocinado” a designación de Roberto Ballesteros como alcalde pedáneo".

Xabier P. Igrexas: “A nefasta e corrupta xestión do ex alcalde pedáneo e tamén do actual rexedor socialista, cunha causa xudicial aberta, teñen situado á Entidade Local Menor en risco de quebra”.


O Bloque Nacionalista Galego reclama explicacións e desculpas do presidente local do PSOE e alcalde de Vigo, Abel Caballero, "tras o auto de ingreso en prisión ditado pola Audiencia Provincial de Pontevedra contra o ex alcalde pedáneo de Bembrive, o socialista Roberto Ballesteros, sentenciado a máis de dous anos de cadea por delitos de prevaricación, malversación e falsidade documental".

“É un escándalo sen precedentes na historia da nosa cidade que motiva que o BNG teñamos que volver esixir que o máximo dirixente do PSOE local teña a decencia de dar a cara por un esencial imperativo democrático”, subliñou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembrou que "Ballesteros contou co “patrocinio persoal” do rexedor vigués como candidato a pedáneo en Bembrive".

“Caballero ten dar explicacións dunha xestión nefasta do seu partido que ten colocado á Entidade Local Menor de Bembrive en risco real da súa propia quebra”, censurou Igrexas. Unha grave situación "á que se engade a causa xudicial aberta contra o actual alcalde pedáneo, o tamén socialista Marcos Castro, para o que a Fiscalía pide 13 de inhabilitación por outra presunta xestión ilegal e corrupta de diñeiro público".
 
O edil nacionalista sinalou que, "de prosperar esta condena contra Castro, o PSOE deixará un legado nesta importante parroquia da cidade marcado polos 30 anos de inhabilitación entre os dous cargos". “Un legado nefasto e de corrupción que non está á altura do que a veciñanza de Bembrive e de Vigo merece”, sentenciou.


_____________