En marcha nova campaña arqueolóxica no pecio do galeón "San Giacomo di Galizia", en Ribadeo



A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha unha nova campaña arqueolóxica no pecio do Galeón San Giacomo di Galizia, en Ribadeo, para dar continuidade aos estudos iniciados en 2018 e avanzar no coñecemento da construción naval da Coroa Española do século XVI en colaboración co Institute of Nautical Archeology de Texas.

Nesta ocasión, está previsto levar a cabo, durante case tres semanas, unha intervención na parte central do buque e sondar o perfil transversal da embarcación para continuar co estudo da disposición da quilla e da carlinga. Ademais, o equipo técnico liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio tamén establecerá un modelo comparativo para seguir á hora de avaliar a evolución da arquitectura naval da época e asentar os mecanismos que permitan monitorizar a evolución do xacemento.

Ademais, o proxecto, que conta tamén coa participación da Unidade de Buceo da Armada, complétase co estudo dun novo pecio localizado nunha intervención levada a cabo o pasado ano, así como na ampliación do coñecemento de outros aspectos vinculados á dinámica portuaria a cultura asociada a este porto histórico.

Grupo internacional de especialistas

O pecio do San Giacomo é un dos grandes xacementos localizados até o momento da súa época e, estes últimos anos, está a achegar unha importante información arqueolóxica sobre a construción naval da Coroa do século XVI. Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta de Galicia impulsou campañas arqueolóxicas nos anos 2018, 2019 e 2020 coa colaboración dun equipo internacional entre os que, ademais de especialistas da Unidade de Buceo da Armada Española e do Instituto of Nautical Archeology de Texas, destacan expertos do CSIC, da University of Wales Trinity Saint David, do Maritime Archaelogy ou doutras institucións como a Federación Galega de Actividades Subacuáticas, a Real Liga Naval Española ou o Real Club Náutico de Ribadeo.

Na última destas campañas constatouse que se conserva preto dun 20% da estrutura da cuberta ao longo da eslora no costado de babor e se localizou unha cureña naval, un elemento novidoso en España que consiste nun tipo de carro para montar as pezas de artillería, así como unha gran cantidade de munición de pedra e ferro.

Resultados das campañas anteriores

As campañas dos anos 2018 e 2019 consistiron na realización de sondaxes arqueolóxicas para caracterizar o pecio, concluíndose a existencia dunha grande cantidade de madeira estrutural cun estrato arqueolóxicamente fértil e que conserva, no seu interior, numerosos elementos de interese patrimonial e cuxa potencia se estima moi importante. Ademais, recuperáronse algúns dos obxectos e xeorreferenciouse e caracterizouse un pecio próximo, sito ao noroeste do galeón.

Ata o ano 2018, as diferentes actuacións levadas a cabo neste xacemento consistiron na toma de datos para a conservación e o estudo dendrocronolóxico para a datación dos restos. Aínda que ambas tarefas resultaron relevantes para o coñecemento científico do xacemento, na actualidade está a traballarse nun estudo integral do pecio. Unha tarefa que está a permitir afondar no coñecemento do estado de conservación e o alcance da estrutura, así como realizar actuacións complementarias para ampliar os traballos de rexistro e documentación dos restos visibles.