Galicia pechou o mes de abril como a terceira comunidade autónoma que paga máis rápido as súas facturas, só por detrás de Murcia e Estremadura, segundo os datos oficiais publicados hoxe polo Ministerio de Hacienda y Función Pública.

Así, o período medio de pago rexistrado por Galicia foi de 10,94 días, 11,17 días inferior ao da media de comunidades autónomas, que foi de 22,11. Ademais, tamén se situou case 20 días por debaixo do límite de 30 que establece a normativa estatal.

En canto á débeda comercial, a ratio débeda/PIB de Galicia situouse no mes de abril no 0,08%, por debaixo da media autonómica, que foi do 0,24%. A débeda comercial do conxunto de comunidades era de 3.145,2 millóns de euros, dos que 58,26 millóns – o 1,85%- corresponden a Galicia.

Os datos publicados hoxe volven ratificar que a Comunidade Autónoma está entre as que mellor atenden aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Administración galega.