Ahora que Santa Clara es de la "Depo") Mosquera se afana en presentar hallazgos en el lugar
rbtribuna.
Os 780 metros cadrados de escavacións e estudos feitos nos últimos meses nas dependencias do Convento e Igrexa de Santa Clara (adquirido pola Deputación de Pontevedra) sacaron á luz unhas 8.000 pezas de cerámica, moedas, ferro, e outros materiais que permiten facer unha primeira reconstrución de como era a vida no convento, incluso dando a coñecer algunhas curiosidades como que as monxas consumían chocolate no século XVI. Os traballos tamén permitiron identificar as fases nas que se foron levantando, cunha gran complexidade, os edificios do convento dende o século XIII ata a actualidade.
Todas estas cuestións foron explicadas publicamente hoxe nunha visita na que participaron o vicepresidente César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey, a directora de xestión Sonia Mateos e o director da escavación Rafael Rodríguez, a restauradora Aldara Rico, a antropóloga Clara Veiga e o arqueólogo técnico Eduardo Velázquez.
No percorrido polo convento o vicepresidente Mosquera amosouse moi satisfeito de todo o que “fomos aprendendo” grazas ás intervencións, que cualificou como un traballo moi exhaustivo, probablemente o maior o deste tipo que se fixo en Galiza. Segundo avanzou, todo este “traballo gordo” permite ter xa “un panorama bastante completo do que sucedeu aquí e unha base para pensar en como reconstruír ou rehabilitar o conxunto”.
O director do Museo Xosé Manuel Rey, pola súa banda, subliñou que queda aínda moito por avanzar no coñecemento de Santa Clara e que “haberá preguntas para as que non haberá resposta”. De feito, lembrou que non se fixo ningún tipo de intervención nin de escavación nas dependencias da igrexa. “Non podemos dar isto por rematado. Queda moito por investigar”, subliñou.
Explicou que a falta de cadrar algúns datos, sábese que Santa Clara foi fundada no 1271 por unha doazón á orde das clarisas, e que as obras comezaron a finais do século XIII pola parte cuadrangular da igrexa e tamén por outras edificacións (da que hoxe só quedan restos).
Unha destas últimas levantábase en forma de L entre o que agora é o claustro e o edificio das Misións (onde hoxe está a coñecida como ‘sala das tullas’) e prolongábase ata poucos metros do actual muro de separación con Barcelos. Hai evidencias que a edificación pretendía seguir en paralelo á igrexa e ao muro, mais non se chegou a completar moi probablemente por falta de medios. Tamén había outra construción do XIV que se levantou ao lado da outra ala do claustro, onde estarían a cociña e o refectorio vello.
En canto á igrexa, confirmouse que a parte rectangular construíuse fundamentalmente no século XIV cun ábside tamén cuadrangular, que sería substituído posteriormente polo actual un século despois. Estivo complementada polo claustro en forma de U coa panda sur aberta, e inicialmente cunha cobertura e columnas de madeira.
Entre o século XV e o XVI construíronse outras edificacións que rodearían e pecharían un rectángulo central amplo, marcadas polo muro interior e a zona que actualmente se utilizaba como almacén na ala oeste. Xa no século XVIII realizouse unha profunda modificación xeral e engadiuse o edificio onde están hoxe en día a maioría das celas das que se ven dende o exterior as ventás enreixadas.
O arqueólogo xefe subliñou, como exemplo, que a cerámica proba que as monxas do convento consumían moito chocolate no século XVI, pois desa datación son moitas xícaras –tazas específicas para esa bebida- atopadas nas instalacións. Tamén explicou que hai evidencias de que eran moitas as familias con posibles que enviaban ao convento ás súas fillas porque estaba “en auxe”, xa que hai mostras da existencia de boa cantidade de elementos cerámicos como os que se mercarían nunha casa con alto poder adquisitivo.
Outro dato a destacar é tan diferentes orixes da cerámica amosaban que o comercio en Pontevedra naquel tempo era importante, xa que moi probablemente algúns útiles chegaban de Oriente a través de galeóns pola ruta da Seda ata Sevilla e dende a cidade andaluza subían ata Galiza. Neste sentido, o vicepresidente Mosquera explicou que os elementos atopados no convento son moi similares aos tamén aparecidos na zona do Burgo cando se fixeron alí escavacións.
O director do Museo engadiu que moitas desas pezas de cerámica están en moi boas condicións o que permitirá reconstruír formas completas e coñecer máis sobre a súa funcionalidade.