rbtribuna. 

Beatriz Fernández e Anxo Castro, dominan o Campionato Galego de Media Maratón

Beatriz Fernández Gil do Atletismo Corredoiras cun rexistro de 1h.24:54 e Anxo Castro do C.D. Atletaria con 1h.07:48 proclámaronse no día de hoxe campioa e campión de Galicia de media maratón na edición desenvolta en Pontevedra.

Nun día de bastante auga pero de moita participación e gañas, a gañadora estivo acompañada no podio por Patricia Varela do At. Arenteiro quen chegaba a línea de meta a tres minutos da gañadora e por Andrea Iglesias do Atletics Fisioterapia San Lázaro que remataba con 1h.28:11. No tocante á categoría masculina o subcampionato galego foi parar ás mans de Carlos Porto da Gimnástica de Pontevedra con 1h.08:10 sendo a medalla de bronce para Fernando Rial do Atletismo Santiago con 1h.08:40.

Compre salientar que a gañadora desta edición, lograba fai apenas dous fins de semana en A Coruña, proclámarse campioa de Galicia de Maratón colleitando así os dous títulos máis importantes do calendario autonómico de ruta.

No que atinxe á clasificación por equipos resultaron gañadores o Atletismo Ribadeo en mulleres correspondéndolle o título nos homes á Sociedad Gimnástica de Pontevedra.

O resto de campioas e campións galegos foron os seguintes:

  • Absoluta. Beatriz Fernández (A.Corredoiras) e Anxo Castro (C.D.Atletaria)
  • Máster40. Beatriz Fernández (A. Corredoiras) e Javier Paredes (Ourense At.)
  • Máster45. Nati García (C.A.Sada) e Jordi Carrasco (SD Compostela)
  • Máster50. Mª Elena Miguéns (C.A.Sar) e Salvador Domínguez (A.F.San Lázaro)
  • Máster55. Soledad Castro (Comesaña S.C.) e Santiago Falcón (C.A.Cambados)
  • Máster60. Manuel Suárez (Vet.Samil)
  • Máster65. Lupe Vilar (C.A.Cambados) e José Jardón (Vet. Samil)
  • Máster70. Domingo Álvarez (Egovarros)

Reyes Estévez centrou toda a atención

Como dixemos, este campionato de Galicia desenvolveuse conxuntamente ca XXVII Medio Maratón de Pontevedra-XL Gran Fondo Caixabank que tivo na figura do triolímpico Reyes Estévez a súa máxima atracción. O catalán lograba ademáis o triunfo cun rexistro de 1h.07:44 sendo a gañadora  femenina  Marta Prieto cun crono de 1h.22:23.

Paralelamente desenvolveuse unha proba de 10k cuxas gañadoras foron Begoña Domínguez con 39:49 e Roi Estevez con 32:11 en homes

Fantásticos resultados do atletismo galego máster nos Campionatos nacionais 

Como de moi brillante pódese catalagar a actuación das atletas galegas e galegos no Campionato de España Máster desenvolto esta fin de semana nas modalidades de Decatlón, Pentatlón de lanzamentos, 10.000 m. e Milla en pista.

Ata un total de dez medallas (nove ouros e un bronce) foi o balance logrado polos dez atletas que ata a localidade malagueña de Estepona viaxaron para tomar parte neste campionato nacional.  A maiores tamén se voltou cun récord de España, catro récords de Galicia e un récord do Campionato.

Entre as actuacións compre salientar os dous títulos de España máster 70 do atleta do Samertolameu Pablo Fervenza, o cal lograba os triunfos nas probas dos 10.000 m. cun rexistro de 42:23.58 así como da proba da Milla na que ademáis lograba establecer un novo récord de España cun crono de 6:01.73.

A maiores Jose Domínguez de A Silva lograba o Campionato nacional na proba de decatlón na categoría M50 cunha puntuación total de 5990 p. o mesmo que faría a tamén atleta de A Silva Angeles Rodríguez, quen en Heptatlón remataba cunha nova plusmarca galega ao sumar 3.450 puntos. Nas mesmas combinadas, o pontevedrés do Atletismo Narón Carlos Ferrer facía bos os 5.888 puntos logrados en decatlón para colleitar a medalla de ouro e establecer ao mesmo tempo un novo récord do campionato

Na modalidade de Pentatlón de Lanzamentos destacaron especialmente as nosas e nosos atletas xa que tanto Javier Viteri do Samertolameu na M60 como Ana María Abuin de A Silva na W60, foron outras e outros dos que lograban sumar un título nacional ao seu palmarés logo de establecer respectivamente 3.380 e de 2.608 puntos. Sen abandonar esta modalidade combinada de lanzamentos, a ourensá e plusmarquista nacional Emilia Mesa domiñaba a súa proba na categoría W65 con 2.925 puntos que representan ademáis, un novo récord de Galicia da categoría.

Nas probas de pista, non menos importantes foron os resultados que colleitaron Amador Pena da S.D. Compostela Atletismo, o cal remataba a proba da milla M40 nunha extraordinaria terceira posición cun rexistro de 4:34.91 que supón un novo récord de Galicia. O tamén compostelanista Emilio García entraba en meta na proba da milla M45, nunha boa sexta posición.

Por último a plusmarquista mundial Esther Pedrosa, facía bos os prognósticos e engadía un novo campionato de España máis ao seu dilatado e extenso currículo. Nesta ocasión era na proba de milla en pista W60, cun tempo oficial de 5:47.16.