rbtribuna. 

Queixas polas restricións á información no Mundial de Qatar

A publicación dalgunhas das condicións para as acreditacións xornalísticas no Mundial de Fútbol de Qatar, que inclúen a prohibición de captar fotografías ou imaxe de vídeo en numerosas localizacións, volveron levantar as queixas sobre a liberdade de información no país que acolle este evento internacional. A Federación Internacional de Xornalistas instou ao goberno qatarí a abandonar "estes termos e condicións abusivas".

Cando falta apenas un mes para o comezo da celebración da Copa do Mundo de Fútbol masculino en Qatar, comezan a darse mostras das restricións á liberdade de información que poden sufrir os e as xornalistas, tanto locais como internacionais, que cubran este acontecemento. O xornal británico The Guardian revelaba recentemente as condicións abusivas que se obriga a subscribir aos medios de comunicación á hora de solicitar un permiso para a filmación de imaxes de vídeo e fotografía. Entre elas está a prohibición de gravar en aloxamentos (como as casas da poboación traballadora inmigrante, cuxas condicións ten xerado numerosas críticas), edificios gobernamentais, universidades, lugares de culto, hospitais ou empresas privadas.

A noticia provocou a queixa da Federación Internacional de Xornalistas (FIP), que destacou que "aínda que as regras non prohiben informar de determinados temas", na práctica supoñen que "os medios serán incapaces de investigar asuntos de interese público". Por iso, e lembrando que "a información independente é clave para a transparencia nun evento mundial de este tipo", o secretario xeral da FIP, Anthony Bellanger, instou "ao goberno qatarí a que abandone estes termos e condicións abusivos".

En novembro do ano pasado, as autoridades de Qatar retiveron durante 36 horas a dous xornalistas da cadea norueguesa NRK por investigar as condicións laborais nos traballos de construción das instalacións do mundial, e algo semellante xa acontecera en 2015 co xornalista alemán Florian Bauer e cun equipo da canle británica BBC. Qatar ocupa o posto número 119 de 180 na Clasificación Mundial da Liberdade de Prensa de Reporteiros Sen Fronteiras.

CPXG)
............

A nova lei contra a desinformación de Turquía, considerada un ataque á liberdade de prensa

Este martes entraba en vigor a polémica nova Lei contra a desinformación turca, que establece penas de cárcere de até tres anos por difundir o que se considere como información falsa. A norma, considerada pola súa indefinición e alto alcance como "un dos maiores mecanismos de censura e autocensura" da historia de Turquía, provocou as críticas da oposición, a OSCE, o Parlamento Europeo ou as Nacións Unidas, así como o rexeitamento practicamente unánime das asociacións de xornalistas tanto locais como internacionais.

O pasado xoves 13, o Parlamento Turco aprobaba a denominada "Lei contra a desinformación" cos únicos votos a favor da coalición de goberno formada polo islamista Partido da Xustiza e do Desenvolvemento, do presidente Recep Tayyip Erdoğan, e o ultradereitista Partido de Acción Nacionalista. A nova norma, que modifica a lei de prensa turca, busca endurecer as medidas contra este tipo de delitos. Entre os seus aspectos máis polémicos, inclúese o artigo 29, que contempla penas de cadea de entre un e tres anos para quen difunda de forma pública información falsa “sobre a seguridade interior e exterior, a orde pública e a saúde pública do país co único motivo de crear ansiedade, medo ou pánico entre o público”. A lei entrou en vigor este mesmo martes.

A nova lei xerou numerosos receos xa desde a súa presentación, motivados tanto pola súa indefinición como polo momento escollido para a súa presentación, poucos meses antes das eleccións presidenciais e parlamentarias en Turquía, previstas para xuño de 2023, polo que se teme que poida ser un instrumento para calar o xornalismo dixital e as críticas ao goberno de Erdoğan. A representante da OSCE para a liberdade de prensa, Teresa Ribeiro, xa pedira a revisión da norma antes da súa aprobación, por considerar que a súas "vagas definicións e amplo alcance" poden facilitar "accións arbitrarias e politicamente motivadas a expensas da liberdade de expresión". Os partidos da oposición rexeitaron fortemente a nova lei e durante a votación producíronse gritos de "Non ao 29!". Desde o Parlamento Europeo e o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos tamén se expresou a súa preocupación polo texto.

No ámbito da comunicación, foi unánime o rexeitamento ao cambio lexislativo. Sete das principais organizacións de xornalistas turcas emitiron un comunicado conxunto asegurando que esta lei podería significar "un dos maiores mecanismos de censura e autocensura da historia da República", e outras asociacións tamén publicaron as súas propias críticas contra a norma. Así mesmo, unha delegación formada polo Instituto Internacional de Prensa, Amnistía Internacional, Article19, o Comité para a Protección dos Xornalistas, o Centro Europeo de Prensa e a Liberdade de Medios, o Observatorio para os Balcáns e o Cáucaso Transeuropa e Reporteiros sen Fronteiras lembrou que estes ataques contra a liberdade de prensa en Turquía son o resultado "da demonización do xornalismo crítico como ilexítimo e como ameaza á seguridade nacional" e esixiu ás autoridades turcas a inmediata revogación da lei.

CPXG)
...........