rbtribuna.

LaMontagne & PicoAmperio presentan o seu primeiro disco “Algo que sinalar”

O dúo celébrao estreando novo single e vídeo-lyric de “Avelaneiras Floridash”, un “canto de celebración, de vitalidade, de invitación ao comezo dunha nova aventura, para que, quen estea disposta os acompañe a bailar”.

“Algo que sinalar”, que xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais, poderá escoitarse en directo hoxe martes 8 no Modus Vivendi de Santiago de Compostela, o 18 de novembro en Sada dentro do ciclo Elas Son Artistas, o 19 novembro en Ourense, o 26 de novembro en Pontedeume e o 3 de decembro en Cambados.


LaMontagne & PicoAmperio ©Llum Photography


Despois de percorrer case un centenar de escenarios co seu hip hop, flow e tintes de contracultura, LaMontagne & PicoAmperio publican hoxe o seu primeiro disco “Algo que sinalar”. O traballo está concibido como “un resumo do aprendido polo camiño e, ao mesmo tempo, a mostra de volver ao lugar do que procedemos despois dunha loita contra nós mesmos que resultou en vitoria” e trátase tamén dunha confesión da banda ao seu público, ao que animan a “deixarse levar por ese sendeiro que se abre xa dende a primeira canción”.

Conseguindo coa voz de LaMontagne e os loops de PicoAmperio que a xente se teletransporte a un universo híbrido, único, hipnótico e absolutamente magnético, presentan neste “Algo que sinalar” unha aventura libre de ataduras. A xeito de matrioska, o público atopará cancións con moitas capas que se abrirán antes os seus ollos: rebeldes na estrutura pero nas que se pode ver unha parte intimista, tintes de dozura e alegría, moita enerxía e tamén un pouco de melancolía. 

Temas como a búsqueda da identidade (“Eu vexo”), a celebración do comezo dunha nova aventura (“Avelaneiras Floridash”), a importancia do aprendido polo camiño cando se está a buscar algo (“Porque no mundo”), a tristeza infinita (“Ondas do mar de Vigo”), ou o agradecemento á vida (“40TENA”) son algunhas das sensacións a experimentar e paradas que se poderán facer neste primeiro traballo da banda, que se compón de oito cancións compostas e producidas por LaMontagne & PicoAmperio.

Son auténtico trip hop pasado por unha forte impronta urbana e contemporánea. O eterno loop do son atlántico.

Próximas datas

Co seu imaxinario electrónico, LaMontagne & PicoAmperio continúan a destruír fronteiras temporais e estilísticas e abrindo novos camiños neste proxecto multiforme a través do hip hop, o abstract ambient, o folclore, melodías suaves ou atmosferas rascadas. 

“Algo que sinalar”, que xa está dispoñible en todas as plataformas dixitais e chegará nas tendas nos próximos días da man de Inquedanzas Sonoras, poderá escoitarse en directo hoxe, martes 8 no Modus Vivendi de Santiago de Compostela, o 18 de novembro en Sada dentro do ciclo Elas Son Artistas, o 19 novembro en Ourense, o 26 de novembro en Pontedeume e o 3 de decembro en Cambados.


Traxectoria

Dende que LaMontagne  e PicoAmperio comezaron xuntos a súa andaina no 2019 sempre se caracterizaron pola intertextualidade e pola súa conexión entre poesía e música, case hipnótica, concibindo as cancións como “textos completos que existen para descifrar” e tamén como “unha resposta á cultura herdada”. Alí onde se fusionen a vangarda e a tradición atlántica estará sempre seu punto de encontro, sendo capaces de establecer pontes coas literaturas de antano para traelas de volta ao presente a través de sons futuristas e tecnolóxicos. Entre os seus recoñecementos destacan o Premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de “músicas urbanas” e o primeiro posto nas listas demoscópicas 2019 de Mondosonoro, que só dan boa mostra de que a súa imparable expansión é unha viaxe sen retorno que xa comezou.