rbtribuna.

O Diario Oficial de Galicia publica a orde que permite continuar con estas bonificacións no transporte público autonómico


A XUNTA MANTERÁ O DESCONTO DO 50% NOS AUTOBUSES AUTONÓMICOS, NO TRANSPORTE DA RÍA DE VIGO E NO TREN NA ÁREA DE FERROL A PARTIR DO VINDEIRO 1 DE XANEIRO

  • O Consello da Xunta xa adoptou a semana pasada a decisión de manter a rebaixa do 50% no transporte público autonómico sempre e canto o Goberno central mantivese o desconto estatal 
  • Con esta orde a Xunta anticípase para garantir que as bonificacións aos usuarios do teñan continuidade, sen interrupción, desde o 1 de xaneiro, pese a que o Goberno de España non concretou se ía manter o desconto estatal ata hai tan só dous días
  • A bonificación do 50% inclúe os servizos de transporte urbano de Ferrol e Pontevedra, cidades onde este transporte se presta a través das concesións autonómicas 
  • A rebaixa seguirase a aplicar, como se vén facendo desde o pasado 1 de setembro, sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e das tarxetas de Mobilidade de Galicia
  • Durante practicamente catro meses a Xunta asumiu con fondos propios a totalidade da rebaixa, posto que non foi ata o pasado 23 de decembro cando o Goberno central abonou a cantidade comprometida 
  • Os descontos do 50% aplicados desde a Xunta nos buses autonómicos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol, levan xa bonificados 5,4 millóns de viaxes, beneficiando a máis do 75% dos viaxeiros do transporte público de Galicia 
  • A Xunta mantén a aposta polo transporte público, destinando 90 M€ no 2023 para o financiamento do autobús interurbano, onde os menores de 21 anos viaxan gratis


A Xunta manterá a partir do vindeiro 1 de xaneiro o desconto do 50% nos autobuses autonómicos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol.


O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a orde que permite continuar con estas bonificacións do 50% no transporte público autonómico, que se aplicará sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e das tarxetas de Mobilidade de Galicia, TMG e Xente Nova. 


A orde regula o establecemento dunha minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar esta información: https://acortar.link/iaef5j 


O Consello da Xunta xa adoptou a semana pasada a decisión de manter a bonificación do 50% no transporte público autonómico, sempre e cando o Goberno central mantivese o desconto estatal. 


Coa tramitación e publicación da orde xa hoxe no Diario Oficial de Galicia, o Executivo autonómico anticipouse para garantir que as bonificacións aos usuarios do transporte público autonómico teñan continuidade, sen interrupción, xa desde o mesmo día 1 de xaneiro, pese a que non foi ata só hai dous días, o 27 de decembro, cando o Goberno de España confirmou que ía manter o desconto estatal para os autobuses interurbanos e urbanos. 


A pesar de que a orde publicada no DOG establece como prazo de aplicación dos descontos ata o 31 de xaneiro, xa prevé a ampliación do período no que se aplicará a minoración temporal da tarifa en función do establecido polo Goberno central no Real Decreto Lei para responder ás consecuencias económicas e sociais da guerra de Ucraína aprobado polo Consello de Ministros o pasado día 27; isto é, entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2023. 


A bonificación do 50% no transporte público autonómico inclúe, ademais do autobús interurbano, o transporte de ría e o tren na área de Ferrol, tamén os servizos de transporte urbano de Ferrol e Pontevedra, cidades onde este transporte se presta a través das concesións autonómicas. 

 

A Xunta vén aplicando desde o pasado 1 de setembro a máxima bonificación no transporte público de titularidade autonómica, incrementando nun 20% a axuda estatal que o Goberno de España fixou nun 30%. 


Durante practicamente estes catro meses, a Xunta asumiu con fondos propios a totalidade da rebaixa, posto que non foi ata o pasado 23 de decembro cando o Goberno central abonou a cantidade comprometida. 


Os descontos do 50% aplicados desde a Xunta nos buses autonómicos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol, levan xa bonificados 5,4 millóns de viaxes, beneficiando a máis do 75% dos viaxeiros do transporte público de Galicia. 


Resposta ás necesidades de mobilidade

O Goberno galego, con estes incentivos, continúa a dar resposta ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade. 


A Xunta  continúa coa súa aposta sen precedentes polo transporte público, ao que destinará o vindeiro ano 90 M€, tras materializar a renovación integral de todas as liñas de transporte interurbano e a posta en marcha de diferentes tipos de bonificacións.

A Xunta financia máis do 76% do custo das 3.400 liñas de transporte interurbano que operan na actualidade en Galicia e puxo en funcionamento unha medida pioneira na España das autonomías, a tarxeta Xente Nova, coa que preto de 135.000 mozos viaxan gratis por toda Galicia nos autobuses interurbanos da Xunta.