Texto : RBTRIBUNA. Foto : D. R.
......................................................

O MUSEO DE BELAS ARTES DA CORUÑA PRORROGA A MOSTRA DE SOROLLA ATA O 7 DE ABRIL TRAS RECIBIR XA 17.000 VISITAS

A exposición ‘Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia’ amplíase un mes, ata despois da Semana Santa, debido á boa acollida por parte da cidadanía e turistas

O Museo de Belas Artes da Coruña vén de ampliar a exposición Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia debido a súa boa acollida desde a súa inauguración, o pasado 23 de novembro. Unha oportunidade máis para achegar a figura do artista ata despois da Semana Santa, pois a mostra estará dispoñible ata o 7 de abril.
O remate, que estaba previsto para o 10 de marzo, prorrógase un mes máis ante o éxito desta cita en conmemoración do centenario do falecemento do pintor, que xa recibiu máis de 17.000 visitas. Unhas cifras satisfactorias que favorecen o obxectivo da Xunta de Galicia de promover, difundir e poñer en valor a cultura.

Esta exposición reflicte a estadía de Joaquín Sorolla en Galicia, e complétase con obras dos artistas galegos cos que mantivo unha relación máis estreita como foron Francisco Lloréns, Fernando Álvarez de Sotomayor, María Corredoiro ou Jenaro Carrero. Acompañando á mostra, o Museo de Belas Artes presentou o catálogo que alberga dous ensaios: a presentación do proxecto Sorolla. Viajar para pintar e a explicación do contido da mostra, completándose coa relación catalográfica das preto de 70 obras que compoñen Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia.

Ademais, o Museo de Belas Artes da Coruña, en colaboración co Museo Sorolla e a Fundación Museo Sorolla, continuará ofrecendo as visitas guiadas para o público en xeral. Realízanse os venres ás 18,30 horas e os sábados ás 18,00 horas, sendo a última das visitas o sábado 6 de abril. Os interesados en participar nesta actividade deberán reservar a súa praza a través da HYPERLINK "https://museobelasartescoruna.xunta.gal/gl/actividades/visitas-guiadas-para-publico-xeral-viaxar-para-pintar-sorolla-en-galicia" páxina web do museo.