MEDIO RURAL DESTACA O BO RITMO DA VENDIMA NA D.O. RIBEIRO, CON MÁIS DE 8 MILLÓNS DE QUILOS XA RECOLLIDOS

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, visitou algunhas das adegas desta denominación de orixe nas que se está a desenvolver a vendima

A Consellería do Medio Rural pon en valor o bo avance e a calidade das uvas que se están a colleitar en todas as D. O.

Actualmente xa se recolleu a metade da uva prevista, e os consellos reguladores estiman unha colleita de 72,5 millóns de quilos de gran calidade

A director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, acompañado pola presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concha Iglesias, visitou as adegas Casal de Armán, Viña Costeira e Cuñas Davia, adscritas á D.O., onde comprobou os avances da vendima. Previo a este percorrido, Alemparte mantivo unha reunión co Consello Regulador para coñecer os avances na recollida de uva da que, a día de hoxe, xa se vendimaron algo máis de 8 millóns de quilos de uva dunha magnífica calidade, chegando ás adegas nun óptimo estado de maduración.
Neste contexto de vendima, a Consellería do Medio Rural destaca que xa se leva recollida a metade da uva prevista para esta colleita nas cinco denominacións de orixe galegas -Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras-, que se está a desenvolver con normalidade.
De acordo coas previsións dos cinco consellos reguladores, estímase que a cantidade de uva recollida poida chegar ata os 72,5 millóns de quilos, o que supón unha colleita abondosa e un 13% superior ao valor medio dos últimos dez anos. De acordo con estes organismos xestores das denominacións de orixe, a colleita tamén está marcada pola boa calidade que presentan as uvas.
O tempo da vendima é importante para o control do cumprimento da normativa de cada denominación de orixe, xa que é preciso comprobar que as uvas vendimadas proceden de parcelas inscritas nos rexistros do consello regulador, que as cantidades recollidas por cada viticultor non superan o cupo que teñen asignado en consonancia coa superficie das súas parcelas, que as variedades entregadas son aptas para a elaboración dos viños certificados por estes organismos e que a os volumes de mosto obtidos corresponden coa cantidade de uva procesada.
Por iso, os cinco consellos reguladores contrataron para esta campaña persoal eventual, unhas 50 persoas, para facer controis sobre o terreo para comprobar que se cumpre a normativa específica de cada denominación de orixe. Estes efectivos engádense aos 22 técnicos de control que, con carácter fixo, traballan nos cinco consellos reguladores.