Trives inaugura unha exposición inédita de pintura e escultura con pezas de 18 artistas vencellados ao municipioA mostra, titulada “Trives no tempo”, poderase visitar dende este sábado ata o 25 de maio en Santa Leonor

O Concello da Pobra de Trives dá a benvida á primavera coa exposición “Trives no Tempo”, unha mostra artística inédita na que participan 18 pintores e artesáns vencellados ao municipio. O antigo colexio de Santa Leonor acollerá a exhibición, onde o público poderá descubrir a calidade artística das súas xentes a través de 70 pezas entre pinturas, sobre todo, pero tamén algo de escultura.

A mostra inclúe creacións de Julio Vázquez, que da nome ao auditorio municipal, pero tamén de artistas vivos como Pili Portal, Conchi Baloira, Aurora López, Xosé A. Fernández, Aurora Espina, Olga Caneiro, Marcelo Martínez, Xoan C. Domínguez, Ubaldo García, César A. Garrido, M. Carmen Chio, Lulú, Olimpia Arias, Vita Baliabas, Teté Garrido, Eva Quintela e Jana. Cada obra conta cun estilo e técnica única, o que converte á exposición nun crisol de miradas sobre Trives.

A inauguración oficial da mostra levarase a cabo este sábado, día 29, ás 12,00 horas, e poderá visitarse ata o próximo 25 de maio. O goberno local anima á poboación a achegarse a Santa Leonor nestes meses e coñecer a riqueza artística e cultural do noso concello.