¡Viva a sardiña ibérica! : recuperou o selo azul que certifica a súa sostibilidade
rbtribuna
- A sardiña ibérica é un recurso clave en España e no país luso, por iso Galicia xa presentou alegacións ao borrador ministerial que recorta nun 50% os topes de captura
- A pesca certificada con este recoñecemento é realizada por unha flota de 317 embarcacións especializadas, da que 185 son españolas e 132 portuguesas
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Cándido Rial, participou este martes na entrega do selo Azul de Marine Stewardship Council (MSC) ás pesquerías da sardiña ibérica da costa atlántica. Deste xeito, esta especie recupera este distintivo que garante aos consumidores que foi capturada baixo práctica sostibles e respectuosas co medio ambiente.
As frotas do cerco española, a través da Asociación de Organizacións de Produtores de Pesca do Cantábrico (OPP Cantábrico), e portuguesa, liderada polas Asociación Nacional das Organizacións de Produtores de Pesca do Cerco (Anopcerco) superaron esta rigorosa avaliación independente, iniciada en setembro de 2024 e que cumpre cos tres principios fundamentais do estándar MSC: boa saúde da poboación, mínimo impacto no ecosistema mariño e unha xestión eficaz e transparente da pesquería.
A sardiña ibérica é un recurso clave para España e o país luso, con presenza desde o golfo de Biscaia ata o estreito de Xibraltar. Para o ano 2025, as posibilidades de captura definíronse en 51.738 toneladas, das que o 66,5% corresponden a Portugal e o 33,4% ao territorio nacional. As capturas certificadas con este selo son realizadas por unha flota de 317 embarcacións especializadas, das que 185 son españolas e 132 portuguesas.
Precisamente, no día de onte, e co obxectivo de apoiar a este sector, a Consellería do Mar remitiu un escrito coas alegacións ao borrador da Secretaria Xeral de Pesca (SXP) do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que modifica a Resolución do pasado mes de marzo pola que se declara o inicio da pesqueira da sardiña ibérica (Sardina pilchardus) en augas ibéricas da zona CIEM 8c e 9a e determinadas medidas de xestión para os buques de cerco, racú e piobardeira no caladoiro nacional Cantábrico e Noroeste para o 2025, e que recorta nun 50% os topes de captura.
Dende o Goberno galego considérase que a disposición estatal compromete a viabilidade da frota cando o consumo da cota aínda está no 80%. Solicítase tamén adiantar un mes a data para o cálculo do sobrante de optimización para os buques do Golfo de Cádiz que leva consumido só o 50% do tope e aplicar o mecanismo de transmisións das posibilidades de pesca en favor da frota galega, ademais de defender a aplicación dun intercambio de cupo con Portugal dado que precisa de cotas doutras especies distintas ás que son obxectivo da frota do cerco, as cales poderían ser cedidas por organizacións pesqueiras que dispoñen das mesmas.
Unidade da cadea de valor
Este recoñecemento, tal e como se expuxo no acto de entrega, foi posible grazas ao esforzo coordinado de toda a cadea de valor do sector. Trátase dunha colaboración exemplar entre pescadores, industria transformadora e distribuidores, e que foi decisiva para alcanzar a certificación e avanzar cara unha pesca máis sostible e responsable. Ata o de agora só a frota portuguesa contara con este recoñecemento, suspendido en 2014 ante os retos na xestión do recurso.
É o resultado tamén da innovación científica, a cooperación internacional e o impacto socioeconómico positivo da pesquería, ademais dun compromiso coa mellora continua, pois significa que o sector se compromete, nun prazo de cinco anos, a incrementar a cobertura de observadores independentes a bordo; mellorar o rexistro de interaccións con especies no obxectivo; avaliar o impacto sobre especies protexidas, ameazadas e en perigo; fortalecer os mecanismos de control e cumprimentos; e promover talleres de capacitación para seguir avanzando cara a excelencia.