As creacións de escolas de cinema galegas, internacionais e centros de ensino, protagonistas no FICBUEU

“Escolas de cinema galegas” acollerá esta vez as obras dos noveis Agustín Segura Prado, Mara Varela, Pablo Goirigolzarri, Xoán Vázquez, Aira Portos e Miguel R. Berride

A sección “Escolas de cinema internacionais” estará composta por curtametraxes de Alemaña, Chile, Lituania, Líbano, Estados Unidos, Reino Unido e España. Todas serán estreas en Galicia

O festival presenta tamén as pezas que formarán parte da sección “Centros de ensino”, sendo finalistas o CEIP Xesús Golmar, o CEIP Torre de Hércules o CEIP da Torre-Cela, o IES de Chapela o IES de Arzúa e o IES Ramón Cabanillas


Público mozo na pasada edición do festival

O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebrará entre os próximos 5 e 20 de setembro, presenta hoxe a programación que protagoniza o estudantado de escolas audiovisuais ou de cinema: as seccións “Escolas de cinema galegas” e “Escolas de cinema internacionais”, ambas de carácter competitivo e creadas coa intención de xerar unha sinerxía coa comunidade educativa e o público do futuro.

Os directores e directoras que exhibirán as súas obras en “Escolas de cinema galegas” serán Agustín Segura Prado, Mara Varela, Pablo Goirigolzarri, Xoán Vázquez e Aira Portos, pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela; e Miguel R. Berride, da Universidade de Vigo. Pola súa banda, na sección “Escolas de cinema internacionais” poderanse ver as obras, todas sen estrear en Galicia, de Carolina Cruz (Alemaña / Chile), Agne Girsaite (Lituania), Yohann Abdelnour (Líbano), Amie Song (Estados Unidos), Mansi Maheshwari (Reino Unido) e Mariona Martínez (España).

O festival fai públicas tamén as pezas que formarán parte da sección “Centros de ensino”, sendo finalistas o CEIP Xesús Golmar, o CEIP Torre de Hércules o CEIP da Torre-Cela, o IES de Chapela o IES de Arzúa e o IES Ramón Cabanillas. O FICBUEU continúa así coa súa liña de traballo de ter un espazo no festival para a totalidade da etapa educativa, dende infantil ata a universidade.


Cartel 18ª FICBUEU

Escolas de cinema galegas: identidade, road trips e historia

Agustín Segura Prado participará nesta sección con El que no se agache (2025), unha peza na que, a partir dunha narración persoal, xunto con experiencias doutras persoas, crea un retrato sobre diferentes infancias e adolescencias LGBT. Mara Varela, Xoán Vázquez, Pablo Goirigolzarri dirixen de xeito colaborativo Alén da estrada (2025), onde seguen a ‘Ruta do Grelo’ pola estrada N-550, desde Sigüeiro ata Ordes. Este road trip é o fío condutor que nos levará a coñecer as historias das mulleres que venden o excedente da súa colleita ao bordo da estrada. Aira Portos presenta Praza do punto (2025), a súa primeira curta documental, na que que trata a historia de Viriato, unha empresa fundamental para a vila de Ordes que sempre formou parte do imaxinario da veciñanza e na que traballaron máis de trescentas mulleres da vila. Para completar a sección, Miguel R. Berride achegaralle ao público Ancora (2024), a súa segunda curtametraxe. Nela, amosa os problemas dunha parella cando o medo, o control e o pasado están presentes.

Escolas de cinema internacionais: desde Chile ao Líbano

Ante o incremento do foco do festival nas etapas educativas e formativas, sumado ao alto nivel dos filmes producidos, naceu a a Sección Escolas Internacionais, na que cada ano se lle dá cabida aos filmes máis destacados de diversas partes do mundo. Nesta 18º do FICBUEU, a sección “Escolas de cinema internacionais” achegaranos a pezas de Alemaña, Chile, Lituania, Líbano, Estados Unidos, Reino Unido ou España.

• Recordari | Carolina Cruz | Alemaña / Chile | 2024
• Closeout | Agne Girsaite | Lituania | 2024
• Crow Man | Yohann Abdelnour | Líbano | 2023
• Three | Amie Song | Estados Unidos | 2024
• Bunnyhood | Mansi Maheshwari | Reino Unido | 2024
• Lluna de sal | Mariona Martínez | España | 2024

Mentres que en Recordari, Carolina Cruz nos fará viaxar ata o Santiago de Chile de 1985 con dúas nenas cuxas historias están marcadas polos horrores da ditadura militar de Pinochet, en Closeout, Agne Girsaite adentraranos nunha historia familiar sobre a venda dunha casa tras o falecemento do avó da familia. O libanés Yohann Abdelnour levará o público ao bosque en Crow man. Alí vive unha nena que quere loitar cunha criatura estrana que quere ir a polo seu avó despois do seu falecemento. Three, de Amie Song, está chea de segredos que unha muller lle quere ocultar ás súas novas amizades e Bunnyhood, de Mansi Maheshwari, pon o foco tamén de novo nos segredos, neste caso os que hai nunha viaxe de última hora a un hospital. Para rematar a sección, Mariona Martínez cóntanos en Lluna de sal o conflicto que lle presenta a Gala ao debaterse entre dous mundos moi distintos: o da súa mellor amiga, autista, e o das súas novas compañeiras, máis maiores e con novos intereses.

Centros de ensino: a sección para a creación de base

O codirector do Festival Internacional de Cinema de Bueu, Manuel Pena, apunta que “no tocante a selección de filmes da sección “Centros de ensino”, para nós o esencial é que as curtas teñan un equilibro entre amosar valores artísticos e creativos interesantes, e que estes se adecúen as capacidades de cada etapa educativa”. Pena quixo tamén recalcar a importancia de que “os filmes, máis aló do apoio do profesorado, estean realmente feitos polo alumnado”.

Na categoría de “Educación especial, infantil e primaria” o alumnado de 5º de educación infantil do CEIP Xesús Gomar presentará no FICBUEU a súa curtametraxe Árbores no camiño; o alumnado de 5º de primaria do CEIP Torre de Hércules, a súa peza Misterio en San Xoán; e alumnos e alumnas de 3º e 4º de primaria do CEIP da Torre-Cela, O Capitán Chocalleiro. As temáticas que centran as liñas das súas creacións son o medioambiente, a loita contra a contaminación e a maxia das tradicións galegas.

Pola súa banda, na categoría “Educación secundaria”, o curso de 4º da ESO do IES de Chapela levou a cabo Coma lobos, unha peza que, baseada no relato homónimo de Carlos Casares, narra en modo flashback a historia dunha detención e o seu tráxico desenlace. O alumnado de 1º e 2º de Bacharelato do IES de Arzúa denuncia a indiferencia dun sector da sociedade ante a situación actual de Palestina na súa curtametraxe Está pasando agora; mentres que os cursos de 1º, 2º, 3º da ESO e 1º de Bacharelato do IES Ramón Cabanillas crearon Mariñeira para renderlle homenaxe a todas as familias que perderon a alguén no mar.

O Festival Internacional de Cinema de Bueu é un evento organizado pola Asociación FICBUEU que conta co financiamento do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA).