Deputación de Pontevedra pon en marcha o ciclo de concertos Son Verán en 13 enclaves e espazos patrimoniais da provincia

Son Verán chegará a Baiona, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Mondariz, Moraña, Poio, Ponteareas, O Rosal, Sanxenxo, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa da man de Emilia Rúa, Óscar Ibáñez, Carlos Núñez, OperaConcert e Teo Cardalda e María Monsonís

A Deputación de Pontevedra pon en marcha durante os meses de agosto a outubro Son Verán, un ciclo de 13 concertos en enclaves e espazos patrimoniais e paisaxísticos dos concellos da provincia. Trátase de espectáculos de alta calidade artística nos que destacan as referencias á tradición musical e literaria e á música de ópera, e que servirán de reclamo cultural ao estar protagonizados por artistas da talla de Emilio Rúa, Óscar Ibáñez, Carlos Núñez, OperaConcert e o dúo conformado por Teo Cardalda e María Monsonís.

Son Verán chegará aos concellos de Baiona, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Mondariz, Moraña, Poio, Ponteareas, O Rosal, Sanxenxo, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa, e é unha aposta da Deputación pola descentralización das actividades culturais ao longo de todo o territorio provincial, impulsando unha programación musical de primeiro nivel en todas as comarcas da provincia.

Emilio Rúa ofrecerá o seu espectáculo de 25 aniversario nos concellos do Rosal (o martes 5 de agosto ás 21:00 horas na área de recepción dos muíños do Folón e do Picón) e na Cañiza (o luns 18 de agosto ás 22:00 horas na Praza Maior). O músico xa ofreceu o seu primeiro concerto no marco deste programa o pasado 25 de xullo en Vila de Cruces.

Óscar Ibáñez levará o seu espectáculo “Tribal” a Cerdedo-Cotobade o próximo sábado 16 de agosto ás 22:30 horas no campo de festa de Tenorio. Pola súa banda, a compañía OperaConcert participa no programa Son Verán co seu espectáculo “Querida Montserrat, querido Luciano”, que chegará a Cangas do Morrazo (o martes 26 de agosto ás 21:00 horas no Porto de Aldán), Baiona (o mércores 27 de agosto ás 21:00 horas na Excolexiata de Santa María) e Sanxenxo (o xoves 28 de agosto ás 21:30 horas na Praza Fonte de Ramos).

Completan o calendario o músico Carlos Núñez, que levará o seu espectáculo “Lugares máxicos” aos concellos de Poio e Ponteareas, e o dúo formado por Teo Cardalda e María Monsonís, que visitarán Forcarei, Mondariz, Moraña e Vilanova de Arousa con “Descubrindo a Valle-Inclán”. Informarase proximamente das datas e lugares de celebración dos seus concertos.