A XUNTA REFORZA OS LAZOS COA LUSOFONÍA CO FESTIVAL CONVERXENCIAS QUE PROGRAMA 16 ACTIVIDADES CULTURAIS ENTRE GALICIA E PORTUGAL ATA O 15 DE MARZO

As propostas abranguen teatro, cine e poesía repartidas pola localidade portuguesa de Braga e as galegas de Santiago de Compostela, A Estrada, Padrón e Ponteareas

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta o valor desta iniciativa nas accións do Goberno galego a prol do impulso da lingua galega

Unha das citas máis destacadas será o 22 de febreiro cun tributo a José Afonso e Rosalía de Castro coa actuación de Canto D’Aquí e Orquestra Filarmónica de Braga

A Xunta reforza os lazos coa lusofonía co apoio, un ano máis, do Festival Converxencias que programa, ata o 15 de marzo, un total de 16 actividades entre Galicia e Portugal que abranguen concertos, teatro, cinema e poesía, entre outras actividades. Así o deu a coñecer hoxe o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na presentación da duodécima edición deste certame.

Tal e como precisou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, as actividades, que xa se levan desenvolvendo desde o pasado 10 de febreiro, celebraranse durante case un mes entre a localidades lusa de Braga e as galegas de Padrón, Ponteareas, A Estrada e Santiago de Compostela. 

Ao respecto do certame, salientou “o pulo e a relevancia” que o Goberno galego lle concede desde hai doce anos a este festival que “procura achegar o noso idioma a outros territorios de fóra da nosa Comunidade”. Ao respecto, precisou que se encadra “dentro das accións estratéxicas da Xunta a prol do impulso da lingua galega e os vencellos coa lusofonía, ao abeiro da coñecida como a Lei Valentín Paz-Andrade”.

Concertos, cinema, poesía e teatro

Sobre a programación, Valentín García sinalou como unha das citas máis destacadas o tradicional tributo deste festival a José Afonso e Rosalía de Castro. Nesta edición, actuarán o grupo Canto D’Aquí xunto coa Orquestra Filarmónica de Braga, que terá lugar o vindeiro domingo, 22 de febreiro, nesta mesma cidade lusa. 

En todo caso, o responsable de Lingua do Goberno galego tamén puxo en valor “a calidade e relevancia do resto de propostas” da programación. Así, destacou o concerto da cantora galega Uxía, de xira de celebración dos 40 anos de actividade profesional, ou o recital de poesía Gallaecia, que contará coas autoras Cátia Cardoso e Elba Pedrosa.

De igual xeito, subliñou a posta en escena da representación teatral de Agora as vellas e os vellos xa se poden namorar do grupo Pena do Equilibrio, do municipio pontevedrés de Ponteareas, ou a celebración dun ciclo de cinema galego, en Braga, que inclúe a proxección de Deuses de Pedra, de Iván Castiñeiras, e O Corno, de Jaione Camborda. 

Culminarán as propostas desta ampla programación os concertos conmemorativos dos 40 anos de Canto D’Aquí, en Ponteareas, e dos 90 do grupo folclórico Dr Gonçalo Sampaio, nunha actuación que terá lugar en Santiago de Compostela, o 15 de marzo. 

Toda a programación, datas e localizacións, poden consultarse no  HYPERLINK "https://www.lingua.gal/portada" Portal da Lingua Galega.