Por Xerardo Rodríguez

Cando escampa, prodúcese o momento en que o sol anuncia primaveras de inverno, porque levanta a cabeza a rosa serodia do xardín. O río serena entón o seu leito con cadencioso ritmo. Rega a terra, outra vez con auga de vida, e volve producirse o momento doce en que a luz atravesa as árbores da súa ribeira. O mar latexa tamén de gozo, brillante e luminoso, dourando o final da tarde. A simple contemplación do océano infinito devólvenos o sosego. Escampa, dicimos. O ceo límpase de chuvia e recuperamos a luz. Cando escampa, outra vez transcorre o tempo libremente e de novo a paisaxe vólvese vital… Así recuperamos o grandioso espectáculo que provoca a auga. ¡A auga da vida!