A ONU sinala a 42 países por intimidar a xornalistas que informan sobre dereitos humanos

Un informe do secretario xeral da ONU recolle en 42 países "tendencias preocupantes" de intimidación ás persoas que colaboran coa organización facilitando información en materia de dereitos humanos, fundamentalmente vítimas, activistas e xornalistas. O relatorio destaca episodios repetidos no tempo de vixilancia, lexislación restritiva e autocensura.

O secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, vén de presentar na sede da organización o seu informe anual Cooperación coas Nacións Unidas, os seus representantes e os mecanismos no eido dos dereitos humanos, que recolle as tendencias e recomendacións no traballo en defensa do respecto dos dereitos humanos entre o 1 de maio de 2021 e o 30 de abril de 2022. O relatorio recolle unha serie de "tendencias preocupantes" e detalla como moitas das persoas que facilitaron información á ONU (principalmente, vítimas de violacións de dereitos humanos, activistas e xornalistas) sufriron represalias e intimidación por parte dos Estados e os axentes paraestatais.

Na presentación, Ilze Brands Kehris, asistente do secretario xeral en cuestión de dereitos humanos, destacaba que este tipo de situacións "non son casos aillados", senón que a "incidentes similares repetidos ao longo de múltiples anos poden sinalar tendencias". Entre estas, o informe salienta algunhas como a vixilancia, tanto online como offline, dos colaboradores coas Nacións Unidas; o uso de lexislación restritiva xustificada na loita contra o terrorismo, en cuestións de seguridade nacional ou en leis reguladoras das actividades da sociedade civil; e a autocensura, que leva a moitas persoas a non compartir información ou facelo unicamente de forma anónima. 

Os 42 países aos que se refire o informe son Afganistán, Andorra, Arabia Saudita, Bahrein, Bangladesh, Belarús, o Brasil, Burundi, Camerún, Casaquistán, China, Chipre, Cuba, Djibuti, os Emiratos Árabes Unidos, Exipto, as Filipinas, Guatemala, o Iemen, a India, Indonesia, Irán, Israel, Laos, Libia, as Maldivas, Malí, Marrocos, México, Myanmar, Nicaragua, Palestina, a República Democrática do Congo, Rusia, Ruanda, Sri Lanka, Sudán, Sudán do Sur, Tailandia, Turkmenistán, Venezuela e Vietnam.

CPXG