rbtribuna. 

A directora xeral de Patrimonio Natural participou no VI Congreso Nacional de Ecoturismo, no que colabora a Xunta e que conclúe hoxe no Pazo de Mariñán

AS ILLAS ATLÁNTICAS XA SON O PRIMEIRO PARQUE NACIONAL DE ESPAÑA CON CERTIFICADO DE DESTINO ECOTURÍSTICO

Belén do Campo pon á Reserva de biosfera das Mariñas Coruñesas, que tamén ten o selo de ecoturismo, como exemplo de equilibrio entre natureza e sociedade

Subliña que o turismo sostible e responsable é unha “peza clave” para o presente e o futuro dos territorios polo que os espazos naturais, en especial, os protexidos, teñen que poñerse en valor e considerarse un “valor engadido” á hora de atraer visitantes

Representantes de 16 comunidades falaron no simposio da evolución do ecoturismo, a aposta por selos de calidade e iniciativas sostibles que inciden na pegada ecolóxica

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG) xa está certificado como destino de ecoturismo, o que o converte no primeiro parque nacional de todo o país en obter este recoñecemento oficial ao seu traballo a prol da calidade e da sostibilidade turística dentro das áreas e espazos naturais amparados por algún tipo de protección.

Así se deu a coñecer esta semana no marco do VI Congreso Nacional de Ecoturismo, no que colabora a Xunta e que se celebra no Pazo de Mariñán, escenario escollido pola súa localización dentro da Reserva de biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo, que exerce de anfitriona e foi o primeiro destino de ecoturismo certificado en Galicia.

Precisamente, durante o acto de clausura celebrado onte, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, puxo á reserva coruñesa como un bo exemplo de equilibrio respectuoso entre natureza e sociedade, un binomio que, dixo, tamén se dá no caso do Parque Nacional. Por iso, felicitouse pola recente certificación das Illas Atlánticas como destino ecoturístico.

Neste sentido , Do Campo subliñou que o turismo sostible e responsable é unha “peza clave” para o presente e o futuro dos territorios, tanto a nivel autonómico como local, polo que os espazos naturais —en especial, os protexidos— teñen que poñerse en valor e considerarse un “valor engadido” á hora de atraer un maior número de visitantes.

Desde este punto de vista, a directora xeral considerou que Galicia parte dunha “posición de vantaxe” xa que se trata dun dos lugares “con máis biodiversidade” en canto ao seu ecosistema e “un dos destinos máis desexados” para quen busca natureza, gastronomía e cultura, aspectos cada vez máis valorados entre os turistas españois, tal e como indican os últimos datos recompilados polo Observatorio Nacional do Turismo.

“O ecoturismo é o presente e tamén o futuro, por iso debemos conservar o noso patrimonio natural e cultural, a nosa forma de vivir e os nosos hábitos e costumes, poñendo en valor o seu goce e desfrute responsable”, declarou.

Nesta liña enmarcou a evolución do número de visitantes que cada ano reciben os espazos naturais protexidos de Galicia, salientando concretamente as máis de 456.000 persoas que se achegaron ata setembro ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, os case 50.000 visitantes que se estima que recibirán en 2022 os seis parques naturais da Comunidade, ou as 250.000 visitas que se rexistraron só este verán no Monumento Natural Praia das Catedrais, un dos destinos estrela entre o turismo interior e nacional.

Cita de referencia

O Congreso Nacional de Ecoturismo está considerado xa unha cita de referencia en todo o país para administracións públicas, xestores turísticos e empresas relacionadas co sector, sobre todo, aquelas especializadas no turismo verde e sostible.

No caso desta edición, representantes de 16 comunidades reuníronse no Pazo de Mariñán desde o pasado martes e ata hoxe co obxectivo de abordar o presente e o futuro do ecoturismo desde diferentes perspectivas, a aposta que están a facer determinados espazos protexidos por selos e marcas de calidade —como é o caso das Mariñas coruñesas— ou iniciativas e proxectos sostibles que contribúen a reducir a pegada ecolóxica, un tema clave nun momento no que as políticas e medidas fronte ao cambio climático ocupan un lugar prioritario a nivel mundial.