“O independentismo goberna Cataluña e cogoberna España, o cal afecta á gobernabilidade do Estado Autonómico” (Feijóo)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe os “logros innegables” que a España das Autonomías propiciou a cada territorio e, en consecuencia, a España no seu conxunto. “Propicia o equilibrio territorial, insta a unha mellor distribución dos recursos públicos, achega a xestión dos mesmos aos cidadáns que os financian e crea un sentimento reforzado de pertenza á patria común”, aseverou, incidindo en que estes logros non terían sido posible nun Estado ferreamente centralizado.
Durante a súa participación no curso de verán da Asociación de Periodistas Parlamentarios, e ante a cuestión de se as autonomías serviron para diluír a identidade española en pequenas identidades ególatras, Feijóo apelou á Comunidade galega para desmentilo, recordando as transformacións desta autonomía durante os corenta anos de vixencia do Estado autonómico.
“Os galegos desfrutamos dun intenso renacemento económico, social e cultural, mantendo intacto o noso sentido de pertenza á nación española. Non concibimos ser españois sen ser galegos nin ser galegos sen ser españois” dixo, aseverando que o adversario máis temible para o nacionalismo non é o centralismo, senón o autonomismo.
“O autonomismo usa o e, mentres que o nacionalismo emprega habitualmente o ou: Galicia e España, non Galicia ou España”, explicou, incidindo en que nun caso hai un empeño en sumar; e noutro a obsesión é restar.
Deste xeito, o responsable do Goberno galego referiuse ao desafío suscitado polo independentismo, asegurando que é un erro pensar que está enxendrado polo sistema autonómico, cando en realidade é un ataque a este modelo. “E é un erro pensar que o problema da sedición se soluciona cun novo estatuto ou cuns privilexios económicos”, engadiu, sostendo que nin unha hipotética democracia centralizada tería evitado a agresión política que sufriu España, “nin un maná de concesións previas tería satisfeito o planteamento independentista”.
Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou a pandemia como a proba máis recente de que o Estado das Autonomías funciona, recordando que as comunidades autónomas non só exerceron as súas competencias, senón que se viron obrigadas a suplir certa descoordinación do Goberno central.
O titular da Xunta concluíu trasladando a inquedanza por que boa parte da axenda estea supeditada ao problema catalán. “O independentismo goberna Cataluña e cogoberna España, o cal afecta á gobernabilidade do Estado Autonómico”, afirmou, facendo fincapé en que “o modelo autonómico compartido por case todos ha de adaptarse para que resulte confortable a quen o quere, pero non a quen non o quere”.