rbtribuna. 

METEOGALICIA CHEGA AOS 125.000 SEGUIDORES EN TWITTER E CONSOLÍDASE COMO A SEGUNDA CONTA MÁIS POPULAR DA XUNTA NESTA REDE SOCIAL

Nos últimos 5 anos un total de 25.000 persoas uníronse á comunidade virtual do organismo autonómico, que foi unha das primeiras axencias meteorolóxicas en apostar polas redes como canle de comunicación áxil e directa coa cidadanía
Tamén conta con algo máis de 20.000 seguidores no seu perfil de Facebook e recibe un tráfico diario de 55.000 visitantes na súa páxina web

MeteoGalicia acaba de chegar aos 125.000 seguidores no seu perfil de Twitter, unha cifra que consolida a súa posición como a segunda conta oficial da Xunta con maior popularidade nesta rede, tan só por detrás da do propio Goberno galego.

Cómpre lembrar que o organismo meteorolóxico dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ten presencia en Twitter desde abril de 2011 aínda que foi nos últimos anos cando experimentou unha maior progresión da súa comunidade. Así, en outubro de 2017 acadou a cifra de 100.000 seguidores e esta semana, xusto cando se cumpre 5 anos daquel fito, logrou chegar ata os 125.000.

A evolución da comunidade virtual de MeteoGalicia en Twitter é un reflexo do bo traballo de divulgación desenvolvido desde este perfil —coa publicación ata o momento de máis de 10.000 tuits— e da aposta que se fixo no seu día polas redes sociais como canle de comunicación imprescindible para poder conectar de forma áxil e directa coa cidadanía, especialmente coa mocidade. De feito, o organismo meteorolóxico da Xunta foi un dos primeiros de todo o país en crear un perfil propio nesta plataforma.

En canto ao resto de redes sociais, cómpre subliñar que MeteoGalicia está presente tamén en Facebook, onde nestes momentos suma algo máis de 20.000 seguidores e ofrece información meteorolóxica de carácter divulgativo así como sobre as diferentes actividades didácticas e as investigacións e traballos que promove ou nos que participa.

Ademais, a páxina web da axencia autonómica é unha das más visitadas na Comunidade, cun tráfico diario de 55.000 visitas, e dispón dunha aplicación gratuíta para móbil para Android e IoS que xa leva máis de 100.000 descargas, cifras que confirman que se tratan de recursos moi utilizados e populares entre os galegos para informarse sobre a predición meteorolóxica nas súas vilas e cidades.

Deste xeito, MeteoGalicia segue consolidando a súa posición de referencia no eido das redes sociais e do aproveitamento da tecnoloxía para achegar a información meteorolóxica á cidadanía e afianzar a súa función de servizo público. Un esforzo que contribúe á vez a proxectar o seu traballo a nivel nacional e europeo, onde xa está considerada unha das axencias máis importantes e punteiras dentro do seu campo.