O informe do 2024 do MFRR reflicte un aumento nos ataques á liberdade de prensa en Europa

O proxecto Media Freedom Rapid Response publicou o seu Informe de Seguimento do 2024, que recolle máis de 1.500 ameazas á liberdade de prensa en Europa, unha suba considerábel frente ás rexistradas o ano anterior. Os ataques na Internet e en manifestacións e protestas, así como as accións legais e a censura, son os ataques máis importantes aos que ten que responder o xornalismo europeo.

O Media Freedom Rapid Response (MFRR) vén de publicar o seu Informe de Seguimento relativo ao 2024, no que analiza a situación da liberdade de prensa no ano pasado en 36 países europeos (os vinte e sete estados membros da Unión Europea e mais os nove países candidatos á adhesión). O proxecto documentou un total de 1.548 violacións da liberdade de prensa, dirixidas contra 2.567 persoas ou entidades relacionadas cos medios de comunicación, o que signfiica un aumento en comparación coas 1.153 violacións rexistradas en 2023.

O relatorio alerta especialmente sobre os ataques en liña, que inclúen o acoso en liña, as ameazas de morte, a piratería informática, os ataques DDoS e a suplantación de identidade. O MFRR rexistrou 359 ataques en liña en 2024, un marcado aumento respecto dos 266 casos de 2023, e o abuso verbal representou o 60% das ameazas dixitais. Ademais, o contextos da rede representa o 23,6% dos ataques nos países da UE, e o 22,6% nos candidatos.

As manifestacións e protestas tamén figuraron entre as contornas máis perigosas para os xornalistas en 2024, con 271 incidentes rexistrados. Na metade destes casos, os e as xornalistas foron agredidas fisicamente, a miúdo pola policía ou as forzas de seguridade do Estado. Outro tipo de agresións que sufriu aumento foron os ataques legais contra xornalistas, cun total 319 casos que afectaron a 556 profesionais ou entidades dos medios de comunicación. A censura e a interferencia tamén aumentou significativamente, pasando do 23,7% en 2023 ao 35,6% en 2024. Isto foi particularmente evidente na cobertura ambiental e electoral.

No caso de España, o informe cita os casos do uso de imaxes manipuladas por parte do europarlamentario Alvise Pérez contra un xornalista. a denuncia de inxerencias sobre o tratamento informativo da crise dos pellets na CRTVG, os ataques a xornalistas en manifestacións labregas e nas coberturas da información sobre a DINA de Valencia e as accións legais contra un documental por parte dunha empresa incineradora.

O proxecto Media Freedom Rapid Response documenta as violacións da liberdade de prensa nos Estados membros da UE e os países candidatos, ademais de ofrecer apoio legal e práctico, defensa pública e información para protexer a xornalistas e traballadores dos medios. O MFRR está organizado por unha alianza liderada polo Centro Europeo para a Liberdade de Prensa e Medios que inclúe a ARTICLE 19 Europe, a Federación Europea de Xornalistas, a Free Press Unlimited, o International Press Institute e o CCI/Osservatorio Balcani Caucaso Transeuropa.

CPXG (Colexio de Xornalistas de Galicia)