En 2021, cada gallego recicló en 30 kilos de envases ligeros (6,4 más que hace 5 años)
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o xerente de Ecoembes en Galicia presentaron o último balance sobre a recuperación deste tipo de residuos
CADA GALEGO RECICLOU EN 2021 CASE 30 KG DE ENVASES LIXEIROS, 6,4 KG MÁIS QUE HAI CINCO ANOS
- O ano pasado recuperáronse máis de 73.000 toneladas de envases de plástico, latas e briks e de papel e cartón de orixe doméstica no conxunto da Comunidade
- “Estas cifras deixan a Galicia e a todos os galegos en moi boa posición”, subliña Ángeles Vázquez, que destaca que a reciclaxe siga crecendo tras un 2020 “de récord”
Cada galego reciclou o ano pasado unha media de case 30 quilos de envases lixeiros, 6,4 quilos máis que hai cinco anos, unha tendencia positiva que se enmarca no traballo conxunto desenvolvido pola Xunta de Galicia e Ecoembes para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da Comunidade.
Este foi un dos principais datos do balance que realizaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o xerente de Ecoembes en Galicia, Fernández Blázquez, que deron a coñecer as principais cifras de reciclaxe das diferentes tipoloxías de envases correspondentes á anualidade 2021.
En concreto, os cidadáns depositaron de media 14,9 quilos de residuos no contedor amarelo —destinado á recollida de recipientes de plástico, latas e briks— e outros 14,9 quilos no azul —reservado para o papel e o cartón—.
Neste sentido, Ángeles Vázquez indicou que estas cifras sitúan a “Galicia e a todos os galegos en moi boa posición” sobre todo tendo en conta a súa evolución ao longo dos últimos cinco anos. Así, explicou que no caso do contedor amarelo, os residuos depositados creceron desde o ano 2017 un 41,6% e se se analiza a tendencia da recollida nos colectores azuis, o aumento durante este mesmo período foi do 15,7%.
En canto á comparativa interanual, a taxa de reciclaxe por habitante creceu un 2% no caso dos envases de plástico, latas e briks. A conselleira explicou que para entender a relevancia deste dato cómpre ter en conta o “contexto”, xa que vén precedido dun ano 2020 “no que se bateron récords” polo efecto positivo que tiveron a covid e os períodos de confinamento nos hábitos dos galegos, que separaron “máis e mellor que nunca”.
Así mesmo, subliñou que grazas ao “compromiso de toda a sociedade galega” coa separación en orixe, en 2021 se lograron recoller a través dos contedores amarelo e azul e dos chamados puntos de reciclaxe algo máis de 73.000 toneladas de residuos —32.934 Tn de envases de plástico, latas e briks e 40.134 Tn de papel e cartón—, un dato que demostra que Galicia segue dando pasos para avanzar cara á economía circular.
Pola súa parte, o xerente de Ecoembes en Galicia, Fernando Blázquez, coincidiu tamén en que os datos de 2021 “son o reflexo do esforzo que o conxunto da sociedade galega está levando a cabo en materia de reciclaxe e circularidade”. “Hai vontade e ganas de seguir avanzando”, engadiu Blázquez, quen aproveitou a ocasión para “agradecer” á Xunta e ás entidades locais a súa implicación “por facer de Galicia unha rexión exemplar no compromiso por reciclar máis e mellor”.
Un contedor para envases por cada 51 habitantes
Cómpre subliñar que para facilitar a separación en orixe dos envases lixeiros, os galegos dispoñen de 37.900 contedores amarelos e de 14.900 azuis repartidos por toda Galicia, ademais de contar con 1.900 puntos de reciclaxe instalados en lugares de gran afluencia, como poden ser centros deportivos, oficinas, bares ou restaurantes.
Ao respecto, a conselleira salientou que esta rede de recollida segue reforzándose e que, en concreto, o ano pasado instaláronse 2.600 novos contedores amarelos e azuis de forma que a día de hoxe Galicia conta xa cun contedor por cada 51 habitantes.
Por último e co obxectivo de fomentar a cultura da reciclaxe e seguir mellorando a separación en orixe deste tipo de residuos, cómpre mencionar novidades como a implantación do sistema de devolución e recompensa Reciclos, que prevé premios sostibles e sociais para compensar aos cidadáns recicladores e xa está instalado en máis de 1.900 contedores amarelos de toda Galicia.
Así mesmo, Ecoembes traballou conxuntamente coas entidades locais adheridas ao sistema para impulsar unha conciencia social responsable a través de distintas accións de mobilización e sensibilización, tanto novas como xa consolidadas.
Entre elas, cómpre mencionar o proxecto Camiño da Reciclaxe, que no marco da edición de 2021 equipou con ferramentas e puntos de recollida separada para envases a 173 ecoalbergues galegos; a iniciativa Ecohosteleiros, que sumou o ano pasado 800 establecementos do sector Horeca a un proxecto que busca concienciar en materia de reciclaxe, consumo responsable e circularidade a bares e restaurantes; ou a instalación de 300 papeleiras en diversas instalacións deportivas galegas.