Gómez salientou que baixo a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia no 2024 acadouse unha produción de máis de 200.000 quilos e un valor estimado superior aos 1,8 millóns de euros
O Goberno galego leva investidos máis de 10 millóns de euros nos últimos anos en axudas para o fomento da apicultura galega
A XUNTA DESTACA O POTENCIAL APÍCOLA DE GALICIA COMO A TERCEIRA COMUNIDADE ESPAÑOLA CON MÁIS EXPLOTACIÓNS
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou na inauguración da XXXVII Feira Apícola das Rías Baixas-Bee Happy Market, que se celebra no concello pontevedrés do Porriño. Nela, destacou o potencial do sector apícola na nosa comunidade, que se sitúa como a terceira comunidade española con máis explotacións.
Neste sentido, a titular do departamento salientou o papel da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia que, o pasado ano, acadou un valor económico superior aos 1,8 millóns de euros e unha produción de máis de 200.000 quilos obtidos a través 240 produtores e case 40.000 colmeas. A maiores, puxo de relevo tamén o mel ecolóxico que se obtén en Galicia e tamén aos 12 envasadores rexistrados dentro do distintivo Artesanía Alimentaria.
Estes datos amosan a importancia do sector apícola en Galicia e por iso reafirmou o compromiso e apoio do Goberno galego con este eido produtivo. A través da Consellería do Medio Rural cóntase con liñas de axuda propias destinadas ao fomento da apicultura galega, para as que nos últimos anos se destinaron máis de 10 millóns de euros, e nas que se inclúen achegas para loitar contra invasores como a avespa velutina, e doenzas das colmeas, entre outras medidas.
Ademais, cómpre engadir que a Consellería do Medio Rural tamén xestiona as dúas liñas específicas dentro das axudas da Política Agraria Común (PAC) para este sector, as de apicultura para a biodiversidade e a de apicultura ecolóxica. A todo isto, habería que sumar os apoios para a promoción dos produtos amparados por selos de calidade, como é a IXP Mel de Galicia, en eventos gastronómicos ou feiras sectoriais.
Produto ligado á historia e ás tradicións
Durante a súa intervención, a importancia da celebración desta feira para exaltar o mel, un produto que está moi ligado á historia e tradicións de Galicia. Gómez tamén sinalou que a apicultura está presenta na paisaxe galega a través das alvarizas ás que cualificou como “exemplo da arquitectura tradicional” que forma parte da riqueza etnográfica da nosa comunidade.