Texto : RBTRIBUNA. Foto : Xan Carballa
.....................................................................

O Museo de Pontevedra conmemora o 40 aniversario do retorno a Galicia dos restos de Castelao cunha exposición da crónica fotográfica de Xan Carballa sobre aquel día 


Comisariada por Xosé Enrique Acuña, inaugurarase o 7 de marzo no Edificio Castelao e poderá visitarse ata o 2 de xuño


O Museo de Pontevedra abre o programa expositivo de 2024 coa mostra ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías’. Esta exposición, que conmemora o 40 aniversario da chegada a Galicia dos restos mortais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, artéllase arredor da crónica fotográfica daquel 24 de xuño de 1984 realizada polo fotógrafo e xornalista Xan Carballa. Incorpora tamén obra artística de Castelao, fotografías, documentación e prensa da época para contextualizar os anos de exilio do intelectual galeguista. Inaugurarase o xoves 7 de marzo no Edificio Castelao, onde se poderá visitar ata o 2 de xuño. 


Xosé Enrique Acuña é o comisario da exposición. O eixo da mostra son 52 fotografías realizadas por Xan Carballa hai 40 anos e restauradas para esta ocasión. Carballa realizou para o desaparecido semanario A Nosa Terra unha reportaxe gráfica do acontecido nos tres espazos de Santiago de Compostela en que se desenvolveron os feitos principais do retorno dos restos de Alfonso Castelao a terra galega: o aeroporto da Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o propio interior do Panteón de Galegos Ilustres, onde ao fin foi cerimoniosamente soterrado.


As fotografías de Carballa expóñense como unha gran crónica visual que narra tanto os intentos por parte das autoridades da Xunta de Galicia de preparar un protocolo para os actos de benvida que se correspondesen coa importancia da figura histórica de Castelao, como a serie de incidentes e manifestacións que se viviron ese día ante o aeroporto da Lavacolla e, con maior intensidade, na entrada de San Domingos de Bonaval. Este conxunto de imaxes, plasmado por Xan Carballa, relaciona a este autor co canon imperante en aquel novo fotoxornalismo, maioritariamente en branco e negro, que se implantou con conquistados aires de liberdade de prensa nos xornais e semanarios de todo o Estado desde o fin da ditadura franquista. 


Xan Carballa (Vigo, 1960) é un reputado fotógrafo, xornalista e editor que ten desenvolvido nestes tres campos unha traxectoria que comezou na década dos 80 para responsabilizarse, entre outros, de pioneiros proxectos editoriais, nalgún caso en colaboración co Museo de Pontevedra, nos que a figura de Castelao sería o eixe central. No seu papel como fotógrafo, Carballa forma parte desa xeración de profesionais da imaxe que documentou desde un comprometido xornalismo fotográfico os intensos cambios sociais que aconteceron en Galicia nas dúas últimas décadas do século XX. O arquivo de Xan Carballa, con miles de imaxes acumuladas, abarca boa parte dos feitos máis destacados da nosa historia contemporánea.


Castelao no exilio

A exposición ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías’, inclúe, ademais das fotografías de Xan Carballa, un espazo que ofrece o contexto necesario para entender o cosmos de Castelao e, en particular, os seus anos de exilios nos Estados Unidos, Cuba e Arxentina. Xosé Enrique Acuña, comisario da mostra e autor dunha fotobiografía sobre Castelao, deseñou con clara intención contextual un espazo propio e diferenciado, entendido como prólogo á serie fotográfica de Carballa, no que se inclúe obra artística orixinal, fotografías, documentación e prensa gráfica da época, procedentes de coleccións particulares, o propio Museo de Pontevedra e outras institucións galegas. 


Entre outras pezas, exhíbese o seu pasaporte diplomático como ministro do goberno da República no exilio, os raros albumes coas súas estampas de guerra editadas en Shangai (China), así como tamén imaxes do seu enterro en Buenos Aires e a totalidade do expediente que, entre 1937 e 1962, se lle abriu a Castelao por parte dos tribunais franquistas de “responsabilidades políticas”.


O proceso do retorno

O retorno dos restos mortais de Castelao foron a culminación dun proceso de varios anos. O escritor, artista e líder galeguista falecera na Arxentina en xaneiro de 1950. Desde esa data, o seu corpo descansaba no cemiterio de Chacarita de Buenos Aires, albergado no Panteón Social do Centro Gallego. Restauradas as liberdades democráticas en 1978, a demanda do seu retorno a Galicia pasou a ser unha reivindicación que anos despois sería asumida polo parlamento galego tras as primeiras eleccións autonómicas. Un acto parlamentario que foi aprobado por unanimidade das forzas políticas representadas despois dunha proposta impulsada polo deputado nacionalista Camilo Nogueira.


Desde xullo de 1936 Castelao quedara imposibilitado para volver a Galicia e en paralelo as autoridades franquistas incautáronlle a totalidade do seu patrimonio e mesmo unha parte significativa da súa obra artística e literaria. De tal xeito que Castelao, implicado totalmente na defensa da legalidade constitucional da República e máis do proceso de Autonomía de Galicia, veríase na obriga de vivir os últimos anos da súa vida como exiliado político á vez que en Galicia sufriría por parte das autoridades do réxime un proceso de invisibilización e ocultación social. 


Ante o mandato do parlamento, o goberno da Xunta de Galicia, despois de conseguir a aprobación da familia de Castelao, representada pola súa irmá Tereixa, tomou a decisión de escoller o día 28 de xuño para que se producise a viaxe de retorno dos seus restos. Coincidía así co mesmo día e mes no que, en 1936, se plebiscitara e aprobara o primeiro Estatuto de Galicia. En paralelo, o goberno da Xunta que daquela presidía Xerardo Fernández Albor tomaría a decisión, pactada con personalidades históricas do galeguismo, de elixir o Panteón de Galegos Ilustres para enterro definitivo e solemne de Castelao en Galicia.