O presidente da Xunta participou no encontro da Confederación Empresarial de Pontevedra Conectando o Noroeste xunto co ministro portugués de Infraestruturas

RUEDA INSTA AO GOBERNO CENTRAL “A POÑERSE A TRABALLAR” E ACELERAR A EXECUCIÓN DO CORREDOR NOROESTE ENTRE GALICIA E PORTUGAL

Asegura que é unha infraestrutura “fundamental” para vertebrar a Eurorrexión e permitir que ambas zonas manteñan “o seu potencial”
“Necesitamos un tren de mercadorías en condicións e do século XXI e non o temos”, lamentou
Agradece o compromiso do ministro luso e o apoio do tecido produtivo galego á demanda deste servizo
O desenvolvemento do proxecto beneficiaría a preto de 6 millóns e medio de persoas, acortaría o traxecto Vigo-Oporto a 50 minutos e reduciría o impacto medioambiental

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou hoxe ao Goberno central que “se poña a traballar” e inicie as actuacións que lles corresponden a España para acelerar a execución do Corredor Noroeste entre Galicia e Portugal. “É unha infraestrutura fundamental para vertebrarnos coa rexión estratéxica da que formamos parte e para que ambas partes se retroalimenten e manteñan o seu potencial”, indicou.

Durante a súa intervención no encontro Conectando o Noroeste -organizado pola Confederación Empresarial de Pontevedra-, Rueda agradeceu a presencia do ministro de Infraestruturas de Portugal, Miguel Pinto Luz, presidente da Câmara do Porto e oyutras autoridades, e resaltou o compromiso amosado en diferentes ocasións coa posta en marcha desta infraestrutura.
Ambos poñentes subliñaron o papel vital do Corredor Noroeste como un motor estratéxico para a dinamización da economía, o comercio e o transporte da Eurorrexión que compoñen Galicia e Portugal, que inclúe a preto de 6 millóns e medio de residentes.

O Corredor supón un pulo para a competitividade do tecido empresarial galego e portugués que, sen embargo, subordínase ao compromiso político das respectivas Administracións.

Deste xeito, o xefe do Executivo galego eloxiou os avances realizados polos lusos en materia de desenvolvemento ferroviario para afianzar a competitividade mutua e instou ao Goberno español a seguir o mesmo exemplo. Rueda fixo fincapé en que nun momento en que se está a falar “de orgullo de país” e da necesidade “de reivindicarnos”, sería contraproducente “ver como avanzan as obras nun lado e do outro non chegamos cando a distancia é moito máis curta”.

A implantación do Corredor Noroeste entre os dous territorios tería ademais vantaxes a nivel medioambientais e de redución dos tempos de traslados. Grazas ao Corredor o desprazamento entre Vigo e Oporto levaría aproximadamente uns 50 minutos e lograríase redución do impacto medioambiental de entre 50.000 e 70.000 toneladas de CO2 ao ano.
Rueda apelou á unidade de acción entre Galicia e Portugal e agradeceu ao tecido produtivo que apoie a Xunta na demanda desta infraestrutura. “Necesitamos un tren de mercadorías en condicións e do século XXI e non o temos”, indicou.