A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, considera un desacerto que o Comisionado para o Corredor Atlántico defendese hai escasos días o ritmo das inversións en Galicia cando “só acumulamos retrasos e anuncios que non se cumpren en tempo e forma”
Respecto da saída Sur, cos trámites e prazos necesarios para materializar unha obra desta envergadura, non se espera que o treito estea operativo ata o 2036

A Xunta lamenta que as únicas novas para Galicia respecto do Corredor Atlántico tan só se traduzan en “máis do mesmo: máis demoras, máis imprecisións e ningún avance” respecto das datas xa anunciadas polo propio Goberno central, como por exemplo no caso do estudo de viabilidade do proxecto para que Galicia conte con tren de proximidade ou a saída sur de Vigo, que non estaría operativa ata o 2036.

Así o valorou a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, tras a últimas informacións transcendidas respecto da derradeira visita do comisionado para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, a Galicia.

Ao tempo, Fontela considerou tamén desafortunado “vir á nosa comunidade a presumir do ritmo das inversións, cando levamos anos acumulando retrasos e anuncios que non se cumpren en tempo e forma, cousa que non acontece noutros territorios”.

A titular da área de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, insistiu en que o Goberno galego solicitou en reiteradas ocasións “contar co Plan Director do Corredor Atlántico rigoroso e completo, que aporte concrecións no referido aos prazos, investimentos e proxectos que Galicia precisa para o seu desenvolvemento, e isto implica non só infraestruturas, senón tendo en conta tamén os servizos ferroviarios”. “Lonxe de remitírnolo, a realidade é que seguimos sen ter noticias do grupo de traballo que se ía crear para o seguimento do Plan, e sen ter ese documento. O único que se aportou foi unha presentación, na que só se mencionan algunhas actuacións, non se identifican fitos intermedios concretos nin planificación e prazos. Incluso as sumas dalgúns investimentos non cadran. Non hai avances relevantes neste punto”, engadiu.

A isto sumoulle un novo “baile de datas” respecto do estudo de viabilidade do proxecto de trens de proximidade para Galicia, do que o propio secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano, dixo o pasado mes que non estaría listo ata o vindeiro ano. “Agora, o Comisionado di que estará listo a finais deste ano. Canto antes mellor, pero tendo en conta a traxectoria do Goberno cos anuncios que non se cumpren, de quen nos fiamos?”, declarou Fontela.

Prazos AVE Vigo-Porto

Nesta mesma liña tamén amosou a súa sorpresa ante as declaracións respecto do AVE Vigo-Porto. “Por que se empeñan en seguir cuestionando e desviando a atención cara ao traballo de Portugal, cando aquí, no tramo español, non hai nin unha soa máquina traballando para cumprir cos prazos comprometidos?”, cuestionouse, ao tempo que insistiu en que “ao ritmo ao que vai o Goberno de España é inviable chegar á fronteira no 2030, prazo ao que se comprometeu”.

Respecto deste asunto, e segundo as afirmacións do Comisionado que transcenderon tras a citada visita, “o Goberno demora unha vez máis o AVE Vigo-Porto, posto que tras anunciar en xaneiro o secretario de Estado de Transportes que o estudo informativo do treito Vigo-O Porriño estaría listo este verán 2025, agora o Comisionado mantén que estará terminado antes de final de ano”. É dicir, un ano máis tarde que a data contractual prevista inicialmente. Cos trámites e prazos necesarios para materializar unha obra desta envergadura, “non se espera que o treito estea operativo ata o fin de 2036”, lamentou.

Por último, Judit Fontela, lembrou que recentemente en Bruxelas o Comisionado comprometeuse a manter unha reunión coa Xunta na segunda quincena deste mes de xullo. Con dito encontro, “agardabamos poder obter, por fin, certezas respecto destes asuntos e avanzar nas demandas e necesidades da nosa comunidade. O Goberno acaba de pospoñer esta reunión sen ter aínda nova data polo que os galegos seguimos sen boas novas respecto dunha infraestrutura estratéxica para o noso futuro”, concluíu.